Máis de cen profesionais de TV de América e Europa daranse cita en Pamplona, do 17 ao 20 de xuño, en Conecta FICTION 3
Tódolos socios e socias da SGAE poderán desfrutar dun 50% de desconto na acreditación profesional

Os participantes do laboratorio de creación de TV Fundación SGAE contarán cun espazo propio

Pamplona acollerá do 17 ao 20 de xuño a terceira edición de Conecta FICTION, o primeiro evento internacional dedicado exclusivamente á coprodución de series de ficción para televisión entre América e Europa. O encontro conta co apoio do Goberno de Navarra a través de Sodena, a Fundación SGAE e Navarra Film Commission; e a colaboración do Palacio de Congresos Auditorio Baluarte e Clavna, Clúster Audiovisual de Navarra. O deseño e produción do evento son de Inside Content.

Tódalas actividades do programa están abertas aos profesionais acreditados, malia que os socios e socias da SGAE terán un desconto do 50% na súa acreditación, previa presentación do DNI e número de asociado.

Industria de contidos TV, obxecto de análise

Baixo a dirección da experta francesa Geraldine Gonard, entre o martes 18 e o xoves 20 de xuño, un completo programa de actividades dedicará tres días á creación, financiamento e coprodución de series de televisión entre América e Europa.

Por unha banda, Conecta FICTION 3 ofrece na 'Caixa de Ficción' un espazo de reunión cara a cara para os profesionais máis sobranceiros do sector, no que poderán chegar a acordos, crear sinerxias e idear novos proxectos.

En paralelo desenvolverase unha interesante axenda de conferencias que ocuparán durante eses días diferentes salas do Baluarte. Outra das citas claves será o encontro de clústers audiovisuais do xoves 20, que contará cos clústers galego, vasco, canario, catalán e arxentino, ademais de Clavna.

Pitch de Proxectos - Laboratorio Fundación SGAE

Por terceiro ano consecutivo, a Fundación SGAE contará cun espazo propio no que os seus autores socios e socias participantes dos Laboratorios de Creación de Series de Televisión, que convoca anualmente, poderán expoñer os seus proxectos diante dos profesionais do sector. Deste laboratorio, que na actualidade celebra a súa sexta edición, a Fundación SGAE presentou máis dunha decena de proxectos, dos cales algúns xa se atopan en fase de rodaxe. É o caso de 'Malaka', de Daniel Corpas, que foi seleccionada por TVE para a súa produción durante Conecta Fiction en 2018 e estrearase nos vindeiros meses dentro da grella da canle pública.

As dúas edicións anteriores de Conecta FICTION celebráronse en Santiago de Compostela. A edición de 2018 contou coa participación de máis de 530 profesionais procedentes de máis 20 países, celebrando durante tres días máis de 2.400 reunións – 1.327 das cales foron de axenda online - e un volume potencial de negocio cifrado en varios centos de millóns de euros que comezaron a materializarse con varias series de televisión en desenvolvemento e en produción na actualidade.