Fundación SGAE apoia o Ukp Day en Ribadavia
Este festival singular, centrado na sonoridade do ukelele, celebrarase o sábado 1 de xuño con entrada gratuíta

Participan autores como Silvia Penide & Félix Arias ou Banet

A Fundación SGAE apoia esta fin de semana o Ukp Day, un festival singular, para tódolos públicos, centrado na particular sonoridade do ukelele. A localidade ourensá de Ribadavia acolle o evento este sábado, 1 de xuño, co castelo medieval dos Sarmiento como escenario principal. A Fundación SGAE estará presente con dous concertos especiais de autores galegos: Silvia Penide & Félix Arias e Banet. Ademais doutros recitais protagonizados polo ukelele, o programa do Ukp Day ofrece exposicións, obradoiros infantís, intervencións artísticas, charlas, mercado e gastronomía. 

O ourensán Banet (alter ego musical do compositor e produtor David Casas) publicou o pasado ano Everything starts, un EP onde se pode apreciar certo sabor a psicodelia e pop con matices electrónicos e un aire melancólico. O seu recital producirase no Escenario Ukp ás 16:00 horas do sábado 1 de xuño.

O outro concerto especial da Fundación SGAE no festival está protagonizado polo dúo Silvia Penide & Félix Arias, e celebrarase ás 21:00 horas nun marco de incomparable valor patrimonial: o auditorio do Castelo de Ribadavia. A cantautora Silvia Penide vén de publicar o seu sétimo disco, El efecto boomerang, producido por David San José e con colaboracións de Javier Álvarez e Ugia Pedreira. No seu concerto no Ukp Day formará dúo co tamén autor Félix Arias, habitual colaborador na carreira de Xoel López, con quen fundou o grupo Lovely Luna. Penide e Arias atesouran ampla experiencia artística e presentarán en Ribadavia un recital único e máxico.

O Ukp Day pon o seu foco no ukelele, un instrumento de corda derivado do cavaquinho portugués e desenvolvido na cultura musical de Hawai. Son moitos os artistas que utilizan a súa sonoridade nas súas composicións ou interpretacións en directo, e aínda máis en tempos recentes: unha diversidade de músicos da xeración indie reivindican o ukelele como referencia. Neste evento participarán tamén artistas como Mathilda, Rita Braga, Momboi, Astrogirl ou Uke & The Leles, chegados todos de diversos puntos de Galicia e Portugal para cantar en Ribadavia o 1 de xuño. A entrada a tódolos concertos é gratuíta.