Fundación SGAE revalida o seu apoio ao Festival de Cans

Foto: MJ Pérez inaugurou o Escenario Fundación SGAE no Festival de Cans 2019.

O Consello Territorial da SGAE en Galicia apoiou múltiples actividades o sábado 25, xornada de clausura do certame

O Escenario Fundación SGAE acolleu concertos de MJ Pérez, Patricia Moon e Raiceira, mentres que Xosé Manuel Budiño e Antón Reixa presentaron os seus novos traballos

A Fundación SGAE participou no XVI Festival de Cans, que se celebrou na aldea de Cans (Porriño, Pontevedra). O certame é unha mostra referencial das curtametraxes producidas dentro e fóra de Galicia, pero o programa das súas catro xornadas abrangue diversidade de actividades audiovisuais, musicais, divulgativas e mesmo culinarias; todo isto a través dunha filosofía e unha estética puramente enxebres.

Auspiciada polo Consello Territorial da SGAE en Galicia, a participación da Fundación SGAE desenvolveuse o sábado 25 de maio, por sétimo ano consecutivo. O compromiso foi maior nesta ocasión, que presentou o Escenario Fundación SGAE, un espazo situado na travesía Cans Voulevar no que se amosou o talento feminino de tres artistas de estilos diversos entre si: MJ Pérez (16:30 horas), Patricia Moon (18:30 horas) e Raiceira (22:00 horas). Por outra banda, a Fundación SGAE apoiou a actividade que se desenvolveu durante esta xornada no Invernadoiro de Mucha do Peso, no que os nosos socios Xosé Manuel Budiño (19:00 horas) e Antón Reixa (22:00 horas) presentaron os seus novos traballos.

Ademais destas actividades e do concurso de curtas, o XVI Festival de Cans ofreceu estes días estreas de longametraxes; homenaxes; faladoiros; desfiles de chimpíns; e un bo número de actuacións musicais, entre as que se poden salientar tamén as de Marlango, Gran Wyoming & Los Insolventes, BFlecha, Aries ou The Legendary Tigerman.