A Fundación SGAE acolle unha comedia sobre o cine máis popular
“Sesión continua” representarase este xoves, 9 de maio, ás 20:30 horas

A compañía Bucanero Teatro ofrece un espectáculo de humor surrealista e repleto de gags de películas como “El resplandor” ou “Pulp fiction”

A sede compostelá da Fundación SGAE acolle este xoves, 9 de maio (20:30 horas) a representación da comedia Sesión continua, producida por Bucanero Teatro e dirixida por Lino Braxe. Trátase dun texto de Irmáns da Costa que conta con inspiradas interpretacións de Sabela Hermida, Xosé Bonome e Pedro Picos; unha homenaxe ao mundo do cine dende o humor e o surrealismo. Os tres actores conducen un percorrido cómico a través de grandes éxitos cinematográficos. Entre eles, 2001. Unha odisea no espazo; O resplandor; Pulp fiction; Febre do sábado noite; Instinto básico; ou Psicosis.

Sesión continua enguedella catro escenas nunha secuencia de gags que rozan o humor absurdo e a comedia inesperada. Incluso as máis populares e recoñecibles pasaxes dramáticas son revisadas en clave de comedia. Ao longo dunha hora e media, o espectáculo desenvólvese como un zapeo incesante, que non ofrece tregua ao público. Os actores sustentan a función cunha interpretación viva na que o seu principal reto é, precisamente, aguantar eles mesmos a risa.

Os billetes, cun prezo de 10 euros, están á venda na propia sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela.