Convocatoria do XXX Premio 'Jóvenes Compositores' Fundación SGAE-CNDM

O Ensemble Sonido Extremo, dirixido por Jordi Francés, interpreta as obras finalistas do XXIX Premio 'Jóvenes Compositores' Fundación SGAE – CNDM 2018.

Os interesados poderán presentar as súas obras ata o 6 de setembro de 2019

O certame concede 11.700 euros en galardóns para autores menores de 35 anos

Juventudes Musicales de España outorgará o “Premio Especial JM España”

A Fundación SGAE e o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) abren a convocatoria da XXX edición do Premio 'Jóvenes Compositores' Fundación SGAE-CNDM. Consolidados xa entre os profesionais da música, estes galardóns teñen o obxectivo de estimular a creación no eido da música clásica contemporánea entre os compositores mozos e contribuír ao desenvolvemento social mediante o coñecemento de novas linguaxes, tendencias e modos de expresión musical.

Poderán concorrer tódolos compositores en calquera país do mundo con obras de calquera linguaxe ou tendencia estética dentro da música contemporánea, sempre que sexan menores de 35 anos ao peche da convocatoria e socios/as da SGAE. Aqueles autores cuxas obras foron distinguidas co primeiro premio nas edicións convocadas a partir de 2016 non poderán participar.

As obras deberán ser necesariamente inéditas, de autoría única, cunha duración entre sete e doce minutos, e axustarse a un modelo instrumental conformado por un mínimo de cinco intérpretes e un máximo de nove. Só poderán presentarse obras de autoría única e cada concursante só poderá presentar unha única obra.

O 6 de setembro: peche de prazo

A recepción dos traballos a concurso estenderase ata o venres 6 de setembro de 2019. Para presentar as obras, deberán entregarse 3 copias da partitura xeral acompañadas dun sobre pechado que conterá os datos de contacto do autor.

Un xurado, composto por destacados expertos en música, seleccionará as catro obras finalistas que optarán a galardóns valorados en 11.700 euros, repartidos como segue: Primeiro Premio “Xavier Montsalvatge” (6.000 euros e diploma), Segundo Premio “Carmelo Alonso Bernaola” (3.000 euros e diploma), Terceiro Premio “Francisco Guerrero Marín” (1.500 euros e diploma) e Mención Honorífica “Juan Crisóstomo Arriaga” (1.200 euros e diploma). Ademais, para contribuír á posterior promoción e difusión das obras gañadoras, a Fundación SGAE editará un disco promocional coa gravación en directo das interpretacións no concerto final.

Premio especial: Compositor Residente da Rede de Músicas

A estes catro galardóns súmase o “Premio Especial JM España”, que outorgará Juventudes Musicales de España. Deste xeito, o gañador do Primeiro Premio desta edición converterase en Compositor Residente da Rede de Músicas de JM España durante a temporada 2020-2021. JM España encargaralle tres obras de música de cámara e outorgará 1.000 euros por cada peza. O compositor escollerá tres formacións das seleccionadas na Rede de Músicas que as estrearán e interpretarán en tódolos concertos que dean neste circuíto, que organiza máis de 200 eventos ao ano.

Os gañadores, en novembro

O 18 de novembro de 2019, dentro da temporada de concertos SERIES 20/21 do CNDM, celebrarase no Auditorio 400 do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía o concerto coas catro obras finalistas e daranse a coñecer os galardóns outorgados.

Na pasada edición de 2018, o compositor Hugo Gómez-Chao Porta (A Coruña, 1995) acadou o Primeiro Premio coa súa obra Límites del negro; José Luis Valdivia Arias (Granada, 1994), logrou o segundo premio por Gouache. O terceiro galardón recaeu en Román González Escalera (Miguelturra, Cidade Real, 1987) por Espejismo Volátil. Finalmente, a mención honorífica foi para Inés Badalo López (Olivenza, Badaxoz, 1989) por Evanescente Latir.

Acerca do Premio

O premio, que foi creado en 1987 pora SGAE cunha frecuencia anual, converteuse nun dos máis importantes certames do seu tipo, polo seu nivel de organización e a súa rigorosidade, polo prestixio dos intérpretes e dos xurados participantes.

A través das súas vinte e nove edicións, o Premio serviu de escaparate promocional nos inicios profesionais dalgúns dos autores contemporáneos que actualmente gozan dun maior recoñecemento e cuxas obras son habituais dos circuítos internacionais dedicados á música actual.

Máis información e bases