O dúo Presumido imparte o obradoiro ‘Recursos técnicos e escénicos na música electrónica’
Tarci Ávila e Nacho Dafonte darán algunhas claves para utilizar 'software' e realizar unha proposta escénica e musical dentro deste xénero

A actividade, convocada polo Consello Territorial galego da SGAE, celebrarase os días 20 e 21 de marzo na sede de Fundación SGAE en Santiago de Compostela

O Consello Territorial da SGAE en Galicia convoca o obradoiro Recursos técnicos e escénicos na música electrónica. O dúo Presumido, composto por Tarci Ávila e Nacho Dafonte, dirixirá esta actividade, que se celebrará na sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela os días 20 e 21 de marzo. A convocatoria está destinada a músicos, DJ, produtores, autores e arranxadores, profesores e estudantes ou afeccionados que desexen profundar no coñecemento da tecnoloxía aplicada á música. O obradoiro constará de 10 horas en total, cun custe de 25 euros (15 euros para socios da SGAE).

As persoas interesadas poden solicitar máis información ou inscribirse aquí.

O obradoiro Recursos técnicos e escénicos na música electrónica desenvolverá os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para adentrarse neste eido. Amosaranse claves para construír un pad electrónico, aplicacións de uso práctico, iluminación e linguaxe DMX e outros recursos precisos para profesionalizar unha proposta de música electrónica.

O dúo vigués Presumido, referente do pop electrónico en Galicia, é un proxecto de synth-pop 2.0 fundado por Tarci Ávila e Nacho Dafonte, con ampla experiencia na música profesional. A súa proposta ofrece un espectáculo de luces que converte cada concerto nunha experiencia audiovisual. Ademais, teñen impartido charlas e obradoiros anteriormente na Escola Audiovisual Internacional SAE Institute Barcelona ou para Hoy empieza todo (Radio 3).

Recomendámosche este obradoiro se queres coñecer con profundidade as claves da música electrónica actual ou achegarte ás correntes creativas dende o aspecto tecnolóxico.

Preme aquí para ver máis información ou inscribirte.