Fundación SGAE co encontro profesional 'MUMI: Músicas no Minho' 07/set/2021
A Eurocidade Tui-Valença acolle esta cita entre os días 9 e 11 de setembro

Haberá concertos de autores galegos e portugueses, mesas de debate e actividades paralelas

A Eurocidade Tui-Valença celebra esta semana MUMI: Músicas no Minho, un encontro profesional entre as escenas musicais de Galicia e Portugal. A Fundación SGAE, a iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia, apoia esta actividade. A cidadanía poderá asistir a gran parte da programación, coma os concertos localizados en espazos patrimoniais emblemáticos de Valença e Tui, nos que participarán bandas e artistas de ámbalas beiras do Miño e que supoñen a columna vertebral da oferta. O MUMI 2021 será escenario da estrea absoluta da Orquestra Galego-Portuguesa de Liberación, que acontecerá o xoves 9 no concerto de apertura en Tui; e tamén acollerá os espectáculos de Galandum Galundaina e Uxía o sábado 11 en Valença como peche desta edición. Entre as propostas participantes están outros socios e socias da SGAE, como Silvia Penide, Familia Caamagno, Xacobe Martínez Antelo, Pulpiño Viascón ou Pálida.

A organización do MUMI indica que, nos concertos abertos ao público, a entrada gratuíta producirase por orde de chegada, con recollida de datos das persoas asistentes.

Zona PRO

Empresas de produción e management, responsables de programacións musicais, xestores e técnicos de cultura, xornalistas e artistas están convidados a inscribirse no MUMI 2021 a través da web mumimusicas.eu. A actividade na Zona PRO, instalada na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença, botará a andar o xoves 9 de setembro co faladoiro Dereitos de autoría e dereitos das artistas (12:45 horas), no que participará Teo Cardalda, autor musical e presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia.

Os días 9 e 10 de setembro, as persoas asistentes terán oportunidade de participar en speed meetings que servirán para poñer en contacto a profesionais e empresas que operan en Galicia e Portugal.

Máis información, aquí