‘Cucú Tastás’, un espectáculo para bebés na Fundación SGAE
Títeres Cachirulo achega as artes escénicas aos máis cativos en Santiago de Compostela

A Sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela acolle esta fin de semana dúas novas funcións do ciclo Escena en Familia. A compañía Títeres Cachirulo ofrece o seu espectáculo Cucú Tastás o sábado 9 (18:00 h.) e o domingo 10 (12:30 h.). O prezo dos billetes é de 5 euros (4 euros con desconto).

Cucú Tastás vai dirixido a nenos e nenas a partir dos 6 meses de idade e baséase nos xogos de opostos: cheo/baleiro, arriba/abaixo, preto/lonxe, pequeno/grande, etcétera. A presentación, que combina estímulos musicais e visuais para engaiolar aos máis cativos da casa, está protagonizada polo trasgo Cucú Tastás.

O ciclo Escena en Familia, unha iniciativa da Fundación SGAE en Santiago de Compostela, está en activo dende abril de 2008. O recinto compostelán acolle, ata o 26 de maio, 20 funcións públicas de dez montaxes escénicas. A seguinte semana, Títeres Cachirulo repetirá co exitoso espectáculo Do, Re, Mi, Mozart xoga aquí (16 e 17 de febreiro).

En paralelo, o ciclo Escena con clase ofrecerá outra serie de espectáculos pechados para centros de Educación Infantil e Primaria neste mesmo período. Entre ámbolos ciclos, a sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela recibe anualmente a máis de 3.000 nenos e nenas que realizan o seu primeiro achegamento ás artes escénicas e á actividade cultural, en xeral.