‘Brancaneves e os 7’ abre unha nova edición do ciclo ‘Escena en Familia’ na Fundación SGAE
Dende esta fin de semana, o recinto compostelán celebrará 20 funcións de monicreques e teatro para nenos e nenas

A Sede de Fundación SGAE en Santiago de Compostela retoma esta fin de semana o seu ciclo Escena en Familia, referente das artes escénicas en Galicia dende 2008. O primeiro espectáculo da nova temporada é Brancaneves e os 7, da compañía local Larei Lará. Os pases son o sábado 2 (18:00 horas) e o domingo 3 (12:30 horas), e o prezo dos billetes é de 5 euros (4 euros con desconto).

Brancaneves e os 7 é unha recreación da historia de Brancaneves con monicreques de mesa en madeira. A trama desenvólvese arredor dunha gran lareira; alí, un vello actor de teatro revive os personaxes do popular conto. Trátase dun espectáculo combinado, con actor e monicreques.

A sede compostelá da Fundación SGAE acollerá, en total, 20 funcións públicas de dez montaxes escénicas dende esta fin de semana ata o 26 de maio. A seguinte oferta será o espectáculo para bebés Cucú Tastás (Títeres Cachirulo, 9 e 10 de febreiro), e logo chegarán Do, Re, Mi, Mozart xoga aquí (Títeres Cachirulo, 16 e 17 de febreiro) e Poeta niña (Gabriela González, 23 e 24 de febreiro), encabezando a nova programación.

En paralelo, o ciclo Escena con Clase ofrecerá outra serie de espectáculos pechados para centros de Educación Infantil e Primaria neste mesmo período. Entre ambos ciclos, a sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela recibe anualmente a máis de 3.000 nenos e nenas que realizan o seu primeiro achegamento ás artes escénicas e á actividade cultural, en xeral.