Kaixo imparte o obradoiro ‘Música urbana e trap’ na Fundación SGAE
Profundará no coñecemento deste xénero musical; tamén ofrecerá ferramentas prácticas para músicos e artistas

A actividade, convocada polo Consello Territorial galego da SGAE, celebrarase os días 28 de febreiro e 1 de marzo na sede dos autores en Santiago de Compostela

O Consello Territorial da SGAE en Galicia convoca o obradoiro Música urbana e trap. Kaixo, artista referencial e integrante do colectivo Banana Bahia, dirixirá esta actividade, que se celebrará na sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela os días 28 de febreiro e 1 de marzo. A cita dividirase en dúas partes: teórica e práctica. Está destinada a músicos, DJ, produtores, profesores e estudantes ou afeccionados que desexen profundar no coñecemento deste xénero en tódalas súas dimensións. O obradoiro constará de 10 horas en total, cun custe de 30 euros (20 euros para socios da SGAE).

As persoas interesadas poden solicitar máis información ou inscribirse aquí.

O obradoiro Música urbana e trap desenvolverá os coñecementos teóricos necesarios para adentrarse neste estilo. Detallarase a evolución do hip-hop e o trap, abordaranse as claves para a comunicación entre artistas e público e tratarase a situación do xénero urbano en España, os fenómenos de C. Tangana e Rosalía e o futuro próximo. Por outra banda, a parte práctica contará coa participación engadida do produtor Iaghost e facilitará trucos para a creación artística, técnicas de gravación e programas informáticos recomendados.

O vigués Kaixo, referente da música urbana e o newpunk, domina todo o universo creativo do xénero: é letrista, compositor, produtor, DJ, promotor de concertos e, recentemente, director artístico do selo Onovo. Forxado na última fornada do hip-hop e a electrónica, é pioneiro do trap e integrante do colectivo Banana Bahia, que se ten presentado en importantes clubs e festivais e ten colaborado con coñecidos artistas do ámbito pop e urbano.

Recomendámosche este obradoiro se queres coñecer dende dentro as claves da creación e produción nun xénero en alza ou, simplemente, achegarte á corrente musical actual.

Preme aquí para ver máis información ou inscribirte no obradoiro Música urbana e trap.