A Fundación SGAE celebra a música en galego con ‘Acento’ 03/xuñ/2021
Tanxugueiras, Pauliña e Grande Amore ofrecerán concertos os días 20 e 21 de xuño

A terraza da SGAE en Santiago de Compostela acollerá este ciclo, de acceso limitado con convite, que conta co apoio da Xunta de Galicia

A Fundación SGAE presenta o ciclo Acento, dúas xornadas de concertos coa lingua galega como vehículo de expresión artística. A creación musical en galego vive un momento de auxe xeneralizado nos diversos estilos, e esta actividade trata de ofrecer unha representación da escena actual. Acento integra na súa programación o neofolclore de Tanxugueiras, a fusión pop de Pauliña e o punkismo electrónico de Grande Amore. A Fundación SGAE organiza este ciclo, que se desenvolverá os días 20 e 21 de xuño en Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia.

Programación

O evento celebrarase na terraza da SGAE en Santiago de Compostela. No mediodía do domingo 20 de xuño, a partir das 12:30 horas, ofrecerán as súas actuacións Tanxugueiras e Pauliña. O luns 21 de xuño, Día Europeo da Música, producirase o concerto de Grande Amore ás 20:00 horas.

Para tódolos recitais haberá capacidade limitada. Os convites serán postos a disposición do público proximamente en Eventbrite.es.

Artistas

Tanxugueiras

Tanxugueiras son cantareiras para un tempo novo. As voces de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, virtuosas e contundentes, son expoñentes dunha xeración aberta á evolución e reformulación das músicas de creación colectiva galega.

Dende o seu debut en 2018, o trío ten tocado en máis de 100 escenarios de diversos países. En 2021, con dous discos publicados, as cantareiras libéranse de prexuízos para explorar con curiosidade a fusión da tradición con sonoridades urbanas e modernas. Os seus novos temas, “Midas” e “Telo”, achéganse a sons próximos ao trap ou á electrónica.

Pauliña

A cambadesa Pauliña é unha das voces femininas con máis carácter e personalidade na actualidade. A súa mestura de rock, folk, punk e blues ten máis de cen concertos ás súas costas.

Pauliña é cantautora na acepción esencial do termo. Pero a súa oferta musical é un cóctel eléctrico e poderoso co que a artista reivindica a lingua galega e as súas referencias literarias dende unha perspectiva feminista. Este 2021 vén de publicar o seu terceiro disco longo: Testemuñas. Este novo repertorio será o centro do seu concerto no ciclo Acento, no que se presentará con banda completa de rock.

Grande Amore

Nacido en 2019, Grande Amore é o proxecto musical de Nuno Pico. Cantante de Oh! Ayatollah e socio de Ortiga no dúo Los Rastreadores, Nuno é unha das figuras de referencia da xeración millennial na música pop galega e Grande Amore é a súa explosión artística definitiva.

Na primavera de 2021, Grande Amore publicou o seu primeiro disco, que integra un cancioneiro honesto e visceral nacido da vida mesma. Temas como “Perdón por ser tan sexy”, “Vémonos no baño” ou “Vamos enchernos (E vamos falar de cousas)” ofrecen un rotundo atractivo xeracional e unha sonoridade que vai da electrónica ao rock e o punk.