‘Anuario SGAE 2018’: Os espectáculos ao vivo xeran 2 millóns de espectadores e 18,6 millóns de euros en Galicia
Os macrofestivais representan o 55,9% dos ingresos da música moderna

O teatro continúa o seu leve crecemento, pero a danza non se recupera

O gasto anual por galego en concertos de clásica é de 0,48 euros

A Fundación SGAE presentou o Anuario SGAE 2018 das Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, volume que ofrece datos estatísticos básicos para caracterizar o sector cultural. Trátase dunha investigación consolidada, xa na súa décimo oitava edición, e constitúe un dos recursos básicos para coñecer diferentes ámbitos do sector cultural. Neste caso, a información ofrecida refírese á temporada 2017, último exercicio xa concluído, en canto a que 2018 segue en curso.

Nunha análise desagregada da actividade escénica en Galicia, o Anuario desvela que os eventos culturais ao vivo atraeron en 2017 a 2,07 millóns de espectadores nesta Comunidade. Desta cifra, un 65% (1,35 millóns) acudiron a concertos e festivais de música moderna. Ademais, un 21,9% (453.947 persoas) asistiron a eventos de artes escénicas e un 13,1% (270.840 persoas) optaron polos concertos de música clásica.

O conxunto de convocatorias escénicas e musicais xerou en Galicia uns ingresos de 18,62 millóns de euros. Desta cantidade, o groso investiuse en concertos e festivais de música moderna: 12,74 millóns (68,4%). O resto destinouse a artes escénicas (4,58 millóns, que supoñen o 24,6%) e a concertos de música clásica (1,3 millóns, que se traducen nun 7%).

A industria da música consolídase nos macrofestivais

En Galicia, a recadación da música moderna ao vivo subiu en 2017 un 14,15% (ata os 12,74 millóns de euros). Esta variedade de música en directo continúa a súa evolución das salas, teatros e auditorios aos macrofestivais e concertos de gran formato. A tendencia reflíctese na estatística estatal e tamén en Galicia, onde os festivais e grandes eventos congregaron ao 35,28% do público de música moderna, case dobrando a afluencia do ano anterior e recibindo o 55,96% dos ingresos do total xerado polos concertos de música non clásica.

Non obstante, se substraemos da análise os grandes eventos musicais, o repunte é máis moderado: a programación continuada de música moderna en recintos de mediana ou pequena capacidade sobe un 2,76% en público e un 7,47% en ingresos, sumando 873.877 persoas e 5,61 millóns de euros. Dentro desta programación (excluíndo festivais e grandes eventos), o estilo predominante nos recintos galegos é o pop-rock (81% da actividade; 71,4% dos espectadores; e 89,6% da recadación). En segunda posición e cunha incidencia xa residual, sitúase o folk (5,6% da actividade; 5,3% dos espectadores; e 0,2% da recadación).

En canto a música clásica, a actividade en Galicia consolidouse en 2017 (1.186 concertos; un 2,77% máis ca en 2016). A asistencia sobeu ata os 270.840 espectadores (un 2,5% máis), e os ingresos medraron ata os 1,3 millóns de euros (un 8,33% máis). El gasto medio anual por galego en concertos de música clásica é de 0,48 euros. Malia que os 172 eventos sinfónicos celebrados aglutinan o groso dos ingresos (876.669 euros en 2017), a gran maioría da actividade neste epígrafe corresponde a concertos de cámara, solistas, bandas, rondallas e música coral, en xeral gratuítos.

Suave subida das artes escénicas

Durante 2017 e con respecto a 2016, en Galicia obsérvanse suaves incrementos en tódolos indicadores por cuarto ano consecutivo. Sobe a actividade (1,16%, ata as 1.654 funcións), a afluencia (1,75%, ata os 453.947 espectadores) e a recadación (1,8%, ata os 4,58 millóns de euros).

A estatística anterior vén determinada polo teatro, que acumulou en Galicia 1.572 representacións (o 95,04% da actividade total de artes escénicas) en 2017. Nunha análise máis detallada, cómpre salientar a constante caída da danza, que acada as súas cotas máis baixas no que vai de século. Nesta Comunidade, durante o pasado ano, a danza experimentou un novo receso, aínda que leve, en actividade (60 funcións; unha menos que na temporada precedente), afluencia (28.099 espectadores; un 1,66% menos) e recadación (157.960 euros; un 1,84% menos).

Anuario SGAE 2018

O Anuario SGAE 2018 ofrece información rigorosa e detallada sobre os principais sectores das artes escénicas, musicais e audiovisuais, con decenas de miles de datos numéricos e máis de 340 gráficos e táboas estatísticas. Xurde como resultado dun laborioso proceso de captura e tratamento de datos, compilación de fontes e análise desta información. Esta publicación, nada en 1999, converteuse xa nunha ferramenta fundamental para os estudosos do mercado cultural español.

Máis información sobre o Anuario SGAE 2018 das Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais