‘Obradoiro de voz’ con Sabela Cereijo
Ofrecerá claves e consellos para o desenvolvemento e coidado da voz

Celebrarase os días 17 e 18 de decembro na sede dos autores en Santiago de Compostela

O Consello Territorial da SGAE en Galicia convoca un Obradoiro de voz, especialmente dirigido a cantantes, pero aberto a outros profesionais ou afeccionados que traballen coa voz. Sabela Cereijo dirixirá esta actividade, que se celebrará na sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela os días 17 e 18 de decembro. O temario partirá da descrición das estruturas implicadas na fonación e abordará de xeito máis concreto a súa incidencia na voz cantada. Ofrecerá tamén exercicios para o desenvolvemento das calidades vocais e, para rematar, compartirá algúns consellos profesionais para o coidado da voz como ferramenta.

A cantante Sabela Cereijo despuntou en 2002, cando gañou o concurso Éxito (TVG) e gravou o seu primeiro disco, titulado 29 e producido por Nani García. Dende aquela e ata a actualidade, formouse en técnica vocal con profesoras como Carmen Rey, Vania García ou Mónica de Nut, entre outras. Á súa vez, dende 2015 foi docente en materia de voz e canto en diversos centros.

Sabela Cereijo participou na banda sonora da película Trece rosas, que gañou o premio Goya en 2008; tamén en musicais como Hoy no me puedo levantar ou En tu fiesta me colé, ambos producidos por Nacho Cano e baseados no repertorio de Mecano. Ademais, traballou como presentadora ou cantante en varios programas da TVG. A súa experiencia como vocalista ou integrante de coro de góspel levouna a numerosos escenarios de diversos países.

Preme aquí para máis información sobre o Obradoiro de voz con Sabela Cereijo