‘Contando jorobas’, esta fin de semana na Fundación SGAE
A veterana compañía sevillana Búho Teatro representa este espectáculo en Santiago de Compostela o sábado 10 e o domingo 11 de novembro

A Sede de Fundación SGAE en Santiago de Compostela acolle esta fin de semana dúas novas funcións de Escena en Familia. O ciclo de artes escénicas para os máis cativos ofrece o espectáculo Contando jorobas, unha proposta da compañía sevillana Búho Teatro. Os pases son o sábado 10 (18:00 horas) e o domingo 11 (12:30 horas). O prezo dos billetes é de 5 euros (4 euros con desconto).

O espectáculo conta a historia dun camelo de catro xibas que, xunta outros habitantes do deserto, vive as máis diversas aventuras. A narración integra dous elementos de interese para os pequenos da familia: a aceptación da diversidade na convivencia e a relación entre a música e as matemáticas. A experimentada compañía Búho Teatro, con máis de tres décadas de andaina, ofrece unha proposta sensorial que estimula a imaxinación a través do xogo, os números e as cancións.

O ciclo Escena en Familia, unha iniciativa da Fundación SGAE en Santiago de Compostela, leva en activo dende abril de 2008 e propón un primeiro achegamento para nenos e nenas ás artes escénicas a través de espectáculos de monicreques, teatro infantil ou funcións para bebés. A vindeira oferta do ciclo chegará os días 17 e 18 de novembro con Cucú Haiku, unha montaxe de teatro visual para a primeira infancia creado pola premiada compañía cántabra Escena Miriñaque.