Obradoiro ‘Análise de guión e dirección de actores’, con María Ripoll
Entre o 30 de novembro e o 2 de decembro, a celebrada directora compartirá en Santiago de Compostela as claves do seu oficio

Os socios da SGAE terán unha importante bonificación na matrícula

A Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) convoca, co apoio da Fundación SGAE, o obradoiro Análise de guión e dirección de actores. Esta actividade, que conta coa participación da directora María Ripoll, celebrarase na sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela entre os días 30 de novembro e 2 de decembro. Entre os seus obxectivos está crear ferramentas para resolver e dar forma a unha escena, pero tamén establecer unha relación comunicativa e respectuosa entre o director ou directora dun filme cos seus actores para optimizar o traballo en confianza. As persoas interesadas en matricularse poden escribir anoemichantada@yahoo.es especificando o seu nome completo e, no seu caso, a asociación profesional á que pertenzan. Trátase dun número reducido de 16 matrículas, e os socios e socias da SGAE recibirán unha bonificación do 50% (45 euros) sobre a matrícula inicial, de 90 euros. A admisión de solicitudes realizarase por rigorosa orde de chegada.

María Ripoll, directora formada no American Film Institute (Los Angeles, EE UU), despuntou coa súa primeira longametraxe, Lluvia en los zapatos (1998). Con ese filme acadaría o premio ao Mellor Guión no Festival Internacional de Cine de Montreal e dous premios do público nos festivais de cine de Sitges e Seattle. Tamén foi candidata a Mellor Dirección Novel nos Premios Goya. Dende aquela, ten dirixido outras películas, documentais e campañas publicitarias. A súa última obra é o filme No culpes al karma de lo que te pasa por gilipollas (2016). Ao longo da súa traxectoria ten traballado con actores e actrices tan importantes como Penélope Cruz, Héctor Elizondo, Raquel Welch, Leonardo Sbaraglia, Najwa Nimri, Dani Rovira, María Valverde, Clara Lago ou Yolanda Ramos.

O obradoiro Análise de guión e dirección de actores está especialmente dirixido a directores e actores, pero tamén a produtores, guionistas ou músicos interesados en ampliar os seus coñecementos de dirección cinematográfica e interpretación do guión. Durante as tres xornadas analizarase un guión e ensaiaranse escenas do mesmo para profundar, dun xeito práctico, na parte interpretativa.