A SGAE celebrará a súa Asemblea Xeral o vindeiro 30 de xullo 08/xull/2020
Por primeira vez na historia da entidade, tódolos seus socios terán dereito a voto

Someteranse á vontade dos seus asociados as contas e o informe de xestión de 2019, modificacións estatutarias solicitadas polo Ministerio de Cultura e cambios regulamentarios requiridos pola CISAC

A Xunta Directiva da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) acordou na súa reunión do pasado venres, 3 de xullo, a convocatoria da súa Asemblea Xeral o vindeiro 30 de xullo. Por primeira vez na historia da entidade, tódolos seus socios, máis de 120.000 na actualidade, poderán exercer o dereito a voto. A súa participación proporcionará unha visión plural e representativa da realidade da SGAE, atendendo ao equilibrio dos seus diferentes colexios.

A entidade someterá á vontade dos seus socios as contas e o informe de xestión do pasado exercicio. Así mesmo, exporanse as modificacións solicitadas polo Ministerio de Cultura e Deporte na súa aprobación dos estatutos do pasado 25 de maio. E, neste mesmo espírito de actualización da entidade, os socios tamén decidirán sobre os cambios regulamentarios requiridos pola Confederación Internacional de Sociedades de Autores e Compositores (CISAC).

En canto ás modificacións estatutarias, teñen como obxectivo dotar ao socio dunha maior flexibilidade na xestión dos seus dereitos e na concesión de licenzas para o uso non comercial das súas obras. Tamén buscan fomentar a igualdade de condicións dos socios con independencia do volume administrado das súas obras; ampliar o poder da Asemblea Xeral na toma de decisións respecto á Xunta Directiva; e aumentar a eficacia na repartición de dereitos e o control dos recursos económicos da entidade.

Pola súa banda, os cambios no regulamento interno da entidade requiridos pola CISAC afectan aos dereitos correspondentes á música emitida en televisión. Perseguen unha maior equidade e mellor equilibrio na súa distribución e repartición, optimizando a trazabilidade entre a recadación e os seus dereitos repartidos, que permitiría agora a nova separación de bolsas. Aplicando os principios de transparencia, ben común e eficiencia, o propósito destas medidas é adaptar o funcionamiento da entidade ás normas e estándares internacionais da xestión colectiva.

A Xunta Directiva aprobou este conxunto de iniciativas e sométeas a consideración da Asemblea Xeral, máximo órgano de goberno da entidade. Agora deberán ser os socios da SGAE quen as ratifiquen o vindeiro 30 de xullo. Trátase do primeiro fito necesario para a actualización e renovación da entidade, que culminará coas eleccións a tódolos seus órganos de administración, o 22 de outubro. Así, a SGAE avanza nunha nova etapa definida polo goberno responsable, a eficacia na xestión, as boas prácticas, a recuperación da confianza das Sociedades irmás, e os estándares de xestión establecidos no marco legal español e europeo.