Finalistas da XXIII edición dos Premios Max das Artes Escénicas 12/maio/2020
A gala terá lugar, inicialmente, o vindeiro 7 de setembro no Teatro Cervantes de Málaga

En total inscribíronse 386 espectáculos, dos que 35 compiten na última fase

O comité organizador dos Premios Max das Artes Escénicas anunciou os finalistas das 19 categorías a concurso da XXIII edición destes galardóns, organizados pola Fundación SGAE co propósito de recoñecer o talento dos profesionais do teatro e a danza en España e promocionar os espectáculos da temporada.

A reunión do xurado celebrouse o día 30 de abril de 2020 por vía telemática. Dos 386 espectáculos inscritos nesta edición, 159 resultaron candidatos, dos que 35 chegaron á última fase, congregando un total de 60 finalistas.

Os gañadores da XXIII edición dos Premios Max das Artes Escénicas daranse a coñecer na gala que, inicialmente, se celebrará o vindeiro 7 de setembro no Teatro Cervantes de Málaga. Ademais das 19 candidaturas a concurso, concédense tres premios especiais: o Premio Max de Honor, que distinguirá a traxectoria dunha persoa pola súa achega, entrega e defensa das artes escénicas; o Premio Max Amador ou de Carácter Social, que engloba proxectos a prol da integración e a proxección social e a compañías de teatro amador cunha contribución sobranceira ás artes escénicas; e o Premio Max do Público, que se concederá ao espectáculo que acade maior número de votos do público a través da aplicación online #VotaMax, aberta ata o 20 de maio. Este ano, os Premios Max contan coa colaboración do concello de Málaga.

Nas últimas temporadas, os Premios Max das Artes Escénicas consolidáronse como referentes do sector, acadando cada vez un maior número de seguidores e espertando o interese de compañías de todo tipo e de todo o territorio nacional. Na súa edición máis recente, celebrada o 20 de maio de 2019 no Teatro Calderón de Valladolid, concorreron arredor de 3.000 profesionais e inscribíronse 359 espectáculos.

Organizados pola Fundación SGAE dende 1998, os Premios Max, cuxo galardón está deseñado polo poeta e artista plástico Joan Brossa, consolidáronse ao longo destes anos como o recoñecemento máis amplio no ámbito das artes escénicas no Estado español.

O comité organizador da XXIII edición dos Premios Max das Artes Escénicas está composto por profesionais de recoñecido prestixio no seu eido. Este ano, o comité está integrado polo dramaturgo e director Juan Luis Mira, director institucional de Artes Escénicas da Fundación SGAE; Óscar Castaño ‘Garbitxu’, dramaturgo, director e presidente do Consello Territorial de SGAE en Euskadi; Paloma Pedrero, dramaturga e directora; os membros do Colexio de Gran Dereito da SGAE Eduardo Galán, dramaturgo e produtor, así como a dramaturga e directora Yolanda García Serrano; o dramaturgo e director Alfonso Zurro e o coreógrafo e bailarín Daniel Doña.

Máis información
Listaxe de finalistas (PDF)