A SGAE reivindica a vixencia de Antonio Buero Vallejo, dramaturgo do compromiso ético e social 29/abr/2020

Cúmprense 20 anos do seu pasamento

Foi Medalla de Honor da SGAE e Premio Max de Honor, entre outros recoñecementos

O Centro de Documentación e Arquivo (CEDOA) da SGAE custodia e conserva un dos seus fondos con manuscritos, debuxos e fotografías cedidos polo propio autor

Este mércores 29 de abril é o vixésimo cabodano de Antonio Buero Vallejo, un dos dramaturgos españois máis sobranceiros e influentes do século XX. Xenio e creador dun teatro realista, pero cargado dun simbolismo que lle permitía sortear a censura, Buero abordou nas súas obras problemas universais a través do compromiso ético e social coa sociedade española da posguerra.

No seu teatro, o autor nado en Guadalaxara, pero residente en Madrid, logrou que a clara impronta social convivira cunha destacada capacidade de innovación formal e experimental que renovou o xénero dramático en España. Dende os seus inicios, Buero mantivo unha posición crítica co franquismo, o que lle causou problemas coa censura, que chegou mesmo a prohibir a representación dalgunha das súas obras.

Buero Vallejo inscribiuse como socio da SGAE en 1949; o mesmo ano en que o concello de Madrid lle concedera o Premio Lope de Vega de Teatro por Historia de una escalera, a súa obra máis emblemática. Nela, Buero retrata os conflctos, aspiracións e inquedanzas dun vecindario. A distancia entre a realidade e os soños, o implacable paso do tiempo e o senso tráxico da vida son potentes elementos dramáticos presentes nesta obra e que exploraría en toda a súa produción.

Ademais de Historia de una escalera, textos como En la ardiente oscuridad, La tejedora de sueños, Madrugada, Hoy es fiesta, Las cartas boca abajo, La doble historia del doctor Valmy, El concierto de San Ovidio, El sueño de la razón, Llegada de los dioses, La fundación, Caimán, Diálogo secreto, Lázaro en el laberinto ou Música cercana e, de xeito destacado, El tragaluz, obra experimental na que realiza unha áceda crítica da España franquista do momento, reafírmano como un dos dramaturgos españois máis importantes do século XX.

As súas obras foron dirixidas por figuras tan sobranceiras como Cayetano Luca de Tena, Juan Carlos Pérez de la Fuente, José Osuna, Manuel Canseco ou Josefina Molina (no cine). Entre os actores que interpretaron o teatro de Buero atopamos a Emilio Gutiérrez Caba, Pepe Sancho, Conchita Bardem, Tony Isbert, Adriana Ozores ou Victoria Rodríguez, con quen o dramaturgo casou en 1959.

Ler nota de prensa completa