A SGAE reivindica que a cultura sexa considerada “ben de primeira necesidade” 26/abr/2020

26 de abril: Día Mundial da Propiedade Intelectual

Agora, máis ca nunca, é preciso protexer a cultura

Este vindeiro domingo, 26 de abril, conmemórase o Día Mundial da Propiedade Intelectual. Esta celebración é unha iniciativa de Nacións Unidas que ten por obxectivo recoñecer o traballo dos creadores e facer visible a súa achega ao desenvolvemento da sensibilidade e pensamento das sociedades.

Á espera do anuncio de medidas concretas para o sector cultural, que previsiblemente se incluirán no Consello de Ministros do vindeiro 28 de abril, a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) aproveita esta efeméride para reivindicar que a cultura sexa considerada “ben de primeira necesidade”, como ocorre noutros países da nosa contorna europea, tales como Alemaña ou Francia. Cómpre lembrar que o Anuario de Estatísticas Culturais 2019 do Ministerio de Cultura e Deporte (MCD) eleva ao 3,2% do PIB a aportación do conxunto de actividades económicas vinculadas coa propiedade intelectual. Así mesmo, cifra o emprego cultural en máis de 690.000 persoas (un 3,6% do emprego en España) e, ademais, dá valor engadido á industria turística e á chamada ‘marca España’.

Agora máis ca nunca, a SGAE reivindica a protección da cultura: unha necesidade básica para a nosa sociedade. Os creadores enriquecen a nosa vida e acompáñannos en momentos difíciles, tal e como se está poñendo de manifesto na pandemia mundial causada pola COVID-19. Hai que salientar o refuxio que este sector supón para a xente que está confinada, que recorre ao entretemento cultural para aliviar esta situación.

Axuda para superar a crise

En termos similares pronunciáronse asociacións internacionais de entidades de xestión, como GESAC, CISAC ou SAA, que realizaron un chamamento aos gobernos para que apoien aos creadores a superar a crise, os axuden na súa recuperación económica e eviten situacións de desigualdade nun sector de por si moi vulnerable.

O coronavirus azoutou con forza aos creadores, parando en seco a súa actividade dun día para outro. A cultura foi un dos primeiros sectores que tivo que pechar o pasado mes de marzo e, probablemente, sexa un dos últimos en abrir polo distanciamento social imposto durante os vindeiros meses, ata que exista unha vacina. Sabemos que nada será igual. Cando e como abrirán os teatros ou os cines? Con que capacidade? E os bares e discotecas? Asistirá o público ou quedará na casa por medo? Cando volveremos asistir a un festival ou a un multitudinario concerto en directo?  Ante tantos interrogantes aínda sen resposta, todo parece augurar que a recuperación da vida cultural será lenta. Por mor da excepcionalidade desta situación, os distintos gobernos -tanto o español como o da Unión Europea- deberán investir economicamente para recuperar a cultura e garantir que o sector creativo poida seguir desempeñando o papel económico e social que lle corresponde na sociedade actual.  

120 anos de historia

A SGAE aproveita o Día Mundial da Propiedade Intelectual para lembrar o obxectivo básico desta institución con 120 anos de historia (foi creada en 1899): velar por que os autores poidan vivir dignamente do seu traballo creativo, defendendo os seus intereses ante quen corresponda.

Na actualidade, a Sociedade Xeral de Autores e Editores conta con 132.000 socios. Compositores, letristas, autores dramáticos, coreógrafos, guionistas, directores audiovisuais e editores conforman a “familia” SGAE.