A Fundación SGAE anuncia os proxectos do VII Laboratorio de Creación de Series de Televisión 13/feb/2020

Pe de foto (de esqda a dta): Joana Ortueta, Martín Suárez, Pedro García Ríos, Fernando Cámara, Juanpe Gálvez, Alberto Macías, Matías García e Rodrigo Martín Antoranz. Copyright: Luis Camacho / Fundación SGAE

O galego Martín Suárez está entre os seleccionados

O guionista e produtor Alberto Macías dirixirá aos alumnos no desenvolvemento dos seus proxectos durante seis meses

A Fundación SGAE anuncia os sete autores seleccionados para participar na VII edición do seu Laboratorio de Creación de Series de Televisión: Fernando Cámara por La Herencia; Juanpe Gálvez por Qué bien se te ve para lo jodido que estás; Matías García por Umbra Dei; Rodrigo Martín Antoranz e Pedro García Ríos por Demokracia; Joana Ortueta por La Sirena e o compostelán Martín Suárez por Gente guapa.

O xurado, presidido por Alberto Macías e composto polos guionistas Ana Muniz Da Cunha, Daniel Corpas, Diego Sotelo e Zebina Guerra seleccionou as 6 obras participantes después de analizar un total de 112 propostas orixinais.

Os seleccionados desenvolverán os seus proxectos durante seis meses na sede da Fundación SGAE en Madrid, baixo a tutela do guionista e produtor Alberto Macías. Durante o proceso realízanse reunións de traballo colectivo entre os autores e o produtor para a posta en común das obras. Ademais, a entidade dotará a cada un dos seleccionados con 5.500 euros.

Dirixidos aos socios e as socias de SGAE, os Laboratorios de Creación da Fundación SGAE ofrecen aos seleccionados a posibilidade de desenvolver os seus textos ao longo de seis meses. O Laboratorio de Creación de Series de Televisión é un dos laboratorios de creación que comezaron en 2014, co propósito de promover a creación e impulsar as experiencias colaborativas e o intercambio de ideas entre os creadores contemporáneos. Ao Laboratorio de Televisión súmanse o Laboratorio de Escritura de Guión de Cine, o Laboratorio de Escritura Teatral e o Laboratorio de Creación Coreográfica. Todos eles impulsados pola Fundación SGAE.

Martín Suárez (Santiago de Compostela, 1985)

Gente guapa é un drama de historia recente ambientado en Brillo, unha discoteca no Madrid dos efervescentes anos 80. O lugar no que hai que estar se es alguén; o negocio que termina convertido en símbolo. O complicado camiño que vai dende a súa apertura ata a súa consolidación como lugar de referencia serve de fío condutor para adentrarnos no retrato da sociedade daquel momento. A serie narra a historia de Carmen, unha moza que chegou a Madrid na procura do descoñecido, que inventou unha profesión grazas ao seu carisma e rematou convertida na gran dama da noite madrileña.

Martín Suárez (Santiago de Compostela, 1985) formouse en Comunicación Audiovisual, Guión e Dirección na Universidade de Santiago de Compostela, e como guionista a través dun Máster en Guión, Cine e Televisión (UC3M) e un curso de Guión Cinematográfico no New Media Technology College de Dublín. Dende aquela non deixou de traballar en series de televisión como Centro Médico (TVE); Rabia (Mediaset); Auga Seca (TVG) ou Dreamland (Mediaset). Tamén realizou o labor de analista de ficción para Mediaset e desenvolvemento e docuficción en varias produtoras.

Máis información
Descarga imaxes da primeira sesión