Ciclo ‘Terrazeando’ en Santiago de Compostela, co apoio da Fundación SGAE
Do 26 de xuño ao 26 de xullo ofreceranse concertos "ao fresco" de bandas como Baywaves, Exnovios ou Alberto & García

O Consello Territorial da SGAE en Galicia aposta por esta cita na súa sétima edición

Fundación SGAE participa na sétima edición do ciclo Terrazeando, que se celebra en Santiago de Compostela entre os días 26 de xuño e 26 de xullo. O certame, organizado pola asociación Desconcierto Cultural, é xa un clásico da temporada estival na capital galega, e ofrece concertos "ao fresco" de grupos de estilos diversos dentro do xénero pop. A iniciativa do seu Consello Territorial en Galicia, a Fundación SGAE apoia especialmente os recitais dos asturianos Alberto & García, os madrileños Baywaves e os navarros Exnovios. No ciclo tamén participan nomes como Helen & Shanna (A Guarda), Kings Of The Beach (Vigo), Dear Telephone (Barcelos, Portugal) e Los Reyes Magos (Sevilla).

Baywaves serán os encargados de inaugurar Terrazeando. A proposta psicodélica dos madrileños pasou xa polos escenarios do Primavera Sound, o FIB ou o NOS Alive e chegará a Santiago de Compostela este martes, 26 de xuño, na compaña dos vigueses Kings Of The Beach. Tocarán ás 21:00 horas na Praciña do Olvido, un recuncho cunha marabillosa perspectiva sobre o Parque de Belvís.

Exnovios estarán na capital galega o 18 de xullo. Considerados novos abandeirados da escena musical de Pamplona, presentarán o seu segundo disco, Amor droga (2017), no que mesturan a herdanza do pop español dos anos 60 cun rock espacial contemporáneo. Tocarán entre flores no xardín do Hotel Costa Vella.

Fundación SGAE apoia tamén o concerto dos ovetenses Alberto & García, que interpretarán o repertorio do seu disco El buen salvaje (2018). Grandes cancións de estrutura pop vestidas con influencias moi diversas fan deste grupo unha das propostas máis celebradas do pop español nos últimos tempos. Compartirán escenario cos galegos Helen & Shanna o 26 de xullo no xardín do Pazo de Amarante, un lugar ao fresco no interior dunha xoia barroca no casco histórico de Santiago de Compostela. Este concerto servirá para pechar o ciclo.

Tódolos concertos de Terrazeando celebraranse ás 21:00 horas con asistencia gratuíta grazas á colaboración do Concello de Santiago de Compostela e a Fundación SGAE, entre outras entidades. Os escenarios empregados son, todos eles, lugares especiais raramente asociados á música en directo. Espazos que por si mesmos son capaces de amplificar as emocións e sensacións xeradas por un concerto.

Máis información