Os socios da SGAE aproban a reforma dos estatutos con un 85,19% dos votos 30/xan/2020

Resultados da Asemblea Xeral

Era necesaria unha maioría de 2/3, segundo a normativa interna da entidade

A organización adáptase así ao marco legal español e europeo

Os socios da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) aprobaron a reforma de estatutos da entidade por maioría de máis de 2/3 da Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada no día de hoxe en Madrid.  Dun total de 25.907 votos, 22.070 (85,19%) foron a favor, 3.323 en contra (12,83%) e 514 manifestaron abstención (1,98%).

Tras coñecerse os resultados, Pilar Jurado, presidenta da SGAE, agradeceu aos socios estatutarios a súa participación, afirmando que “o respaldo maioritario da Asemblea é un si ao futuro da SGAE, que afrontamos con seguridade xurídica e un elevado nivel de consenso interno. Ter superado o 80% de votos afirmativos significa que estes son os estatutos do acordo e do diálogo”. A súa aprobación supón a adecuación definitiva da entidade ao novo marco legal español e europeo e o cumprimento dunha esixencia do Ministerio de Cultura e da Confederación Internacional de Sociedades de Autores e Compositores (CISAC).

Jurado quixo tamén “agradecer de maneira expresa o traballo intenso que durante estes meses realizou toda a Xunta Directiva”, onde están representados os catro colexios da SGAE (Pequeno Dereito, Gran Dereito, Obras Audiovisuais e Editores Musicais). Estendeu o seu recoñecemento aos seus respectivos vicepresidentes e aos profesionais da SGAE. “Sen o seu  esforzo –sinalou a presidenta da entidade-, este amplo respaldo aos estatutos non tería sido posible”.

Esta reforma vén motivada polos cambios introducidos na Lei de Propiedade Intelectual, derivados do Real Decreto-Lei 2/2018, de 13 de abril, polo que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 2014/26/UE do Parlamento Europeo e do Consello, de 26 de febreiro de 2014, e a Directiva (UE) 2017/1564 do Parlamento Europeo e do Consello, de 13 de setembro de 2017.

Segundo a presidenta da entidade, os novos estatutos servirán para “dar aínda máis voz aos autores e creadores na toma de decisións, e facer a entidade máis moderna, flexible, transparente”. Neste senso, unha das principais novidades destes estatutos é que tódolos socios en activo terán polo menos un voto na Asemblea. Ademais, a entidade obrígase a publicar un “informe anual de transparencia” sobre os descontos de administración, as actividades culturais e asistenciais e a actividade financeira. Realizarao a Xunta Directiva dentro dos tres primeiros meses do ano e someterase á votación da Asemblea dentro dos seis primeiros meses do ano.

Os estatutos tamén prevén unha comisión de supervisión independente. En canto ás reparticións, recollen en detalle a política xeral das mesmos e os principios do sistema establecido. O Regulamento de Repartición deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral.

Jurado salientou así mesmo que os autores terán “máis dereitos e máis liberdade”, e poderán decidir se manteñen ou retiran parcialmente da SGAE os dereitos das súas obras en función da categoría, tipo de obra ou países onde a súa creación xere dereitos. Este cambio obrigará á entidade a ser máis competitiva e adecuar constantemente a súa oferta de servizos ás necesidades específicas de cada socio.

Máis poder aos sectores e os territorios

Os novos estatutos aspiran a ser integradores e representativos de tódolos socios da SGAE atendendo a sectores tradicionalmente minoritarios, como a coreografía, aportando unha nova definición de obra coreográfica e un novo sistema de repartición para este sector; e tamén regulan a participación dos Consellos Territoriais, que entran a formar parte da estrutura organizativa en dependencia directa da Xunta Directiva.

Con estes estatutos, a SGAE transfórmase para mirar ao futuro e defender os dereitos de autor nun mundo dixital e global no que a industria cultural evoluciona continuamente e obriga a buscar cada día novas fórmulas.