‘CreaClásica 2019’ presentou os seus gañadores 12/dec/2019

Este xoves, 12 de decembro de 2019, presentouse no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) o veredicto do xurado do concurso CreaClásica, organizado pola Orquesta Clásica de Vigo en colaboración coa Fundación SGAE en Galicia. Durante o acto, Juan Rivas (presidente do Consello Territorial SGAE Galicia) e Manuel Martínez (director técnico da Orquesta Clásica de Vigo), anunciaron os nomes das tres obras gañadoras cos seus respectivos autores:

- Tempestas, Ismael Amoedo Collazo | Primeiro premio
- Preludio da noite sulagada, Carme Rodríguez | Segundo premio
- Preludio e Fuga, de Manuel María Veiga Lombardía | Terceiro premio

Estas tres obras, ademais de recibir unha dotación económica entre 200 e 500 euros, serán programadas e estreadas na temporada 2020 da Orquesta Clásica de Vigo, a fin de difundir o traballo destes novos talentos e servir así de impulso para as súas carreiras. “Na SGAE somos conscientes da dificultade que experimentan os novos compositores”, dixo Juan Rivas; “por iso agardamos que este recoñecemento sirva como estímulo e, tamén, que chame a atención dos programadores sobre o repertorio emerxente. Galicia é un territorio ben educado en relación coa música clásica: sinfónica, lírica ou de cámara. Agora só necesitamos recoñecer e dar espazo ao talento da nosa canteira”. A este respecto, o presidente dos autores galegos felicitou á Orquesta Clásica de Vigo pola súa sensibilidade e a súa implicación cos autores novos, patente na convocatoria deste premio.

CreaClásica é un concurso de composición destinado a novos compositores galegos que conta co apoio do Consello Territorial da SGAE en Galicia. Un proxecto que aposta pola difusión e recoñecemento de novos talentos e que busca, ademais, incrementar o repertorio sinfónico galego contemporáneo.

Este concurso de composición está destinado a ofrecer unha plataforma para todos aqueles compositores galegos que saen dos nosos conservatorios e que, a día de hoxe, non contan cun espazo destinado a divulgar e difundir as súas creacións.