O encontro audiovisual ‘Conecta Fiction’ comeza o luns 18 impulsado pola Fundación SGAE
O evento reúne a vindeira semana en Santiago de Compostela a 400 participantes da contorna televisiva europea e latinoamericana

O martes 19 celébrase un ‘pitching’ de proxectos nados no Laboratorio de Creación de Series de Televisión Fundación SGAE

‘Conecta Fiction Fest’ ofrece estreas e faladoiros abertos á cidadanía

O encontro audiovisual Conecta Fiction, que conta co apoio decidido da Fundación SGAE, reúne a partir do luns 18 en Santiago de Compostela a uns 400 representantes da ficción televisiva internacional. Todos eles participarán nun xeneroso programa de actividades divulgativas, charlas, obradoiros, clases maxistrais e un número estimado de 1.200 reunións nas que se formularán ideas creativas compartidas e coproducións entre países de Europa e Latinoamérica.

O programa inclúe unha sesión de pitching de proxectos nados no Laboratorio de Creación de Series de Televisión Fundación SGAE: Becqueriana (fantasía histórica), de Javier Martínez (Molina de Segura, 1971); El cuarto poder (drama / thriller), de Gemma Ventura (Barcelona, 1977); El poligrafista (comedia / thriller), de Germán Aparicio (Madrid, 1971); Las Cohen (drama / comedia), de Lucía Carballal (Murcia, 1984); Malaka (policíaco), de Daniel Corpas (Copenhague, 1976); Oro negro (western), de Paula Cons (Santiago de Compostela, 1976); e Teléfono negro (comedia dramática), de Roberto Márquez (Madrid, 1984).

Estes autores presentarán os seus traballos o vindeiro 19 de xuño ante profesionais de todo o mundo; o seu propósito é acadar acordos de coprodución internacional. A súa presenza en Conecta Fiction ofreceralles a oportunidade de acceder a produtoras, canles de televisión e potenciais socios inversores para facilitar a viabilidade dos seus proxectos. Despois da sesión de pitching está previsto que os responsables de cada proxecto manteñan reunións individuais con todos aqueles participantes profesionais interesados na coprodución e/ou financiación dos mesmos.

“Este evento supón oportunidades reais para os autores audiovisuais”, di Juan Rivas, presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia. “A primeira edición, que xa contou co apoio da nosa Fundación SGAE, traduciuse en vínculos para a coprodución da obra dos nosos socios con empresas privadas e públicas de varios países latinoamericanos. Desexamos que siga así, e que este encontro abra cada ano unha fiestra á internacionalización da nosa ficción televisiva, que conta aquí con grandes talentos”.

Conecta Fiction e Conecta Fiction Fest

Conecta Fiction é un encontro entre produtores, inversores, creativos, guionistas, distribuidores e canles de televisión co obxectivo común de impulsar proxectos de ficción. Trátase do primeiro evento internacional dedicado exclusivamente á coprodución de series televisivas de ficción, e conta co apoio e a organización da Fundación SGAE, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC, Xunta de Galicia) e o ICEX. Nesta segunda edición, Alemaña e Colombia serán os dous países convidados.

Ademais, o encontro toma unha dimensión pública este ano con Conecta Fiction Fest, que abrirá as súas portas á cidadanía os días 21 e 22 de xuño ofrecendo presentacións de proxectos de ficción, proxeccións de estreas televisivas e faladoiros. Entre os participantes estarán Marta Hazas e Javier Rey (protagonistas de Velvet Colección), Mar Coll (directora de Matar al padre), ou Mariano Barroso e Aurora Garrido (director e protagonista de El día de mañana). Os billetes para os eventos de pago están xa á venda.

Máis información sobre a programación de
Conecta Fiction e Conecta Fiction Fest