A sede de Fundación SGAE en Santiago de Compostela acolle esta semana a mostra ‘Galicia Escena Pro’
‘Bathtime’, da compañía Katarsis, abriu hoxe a programación no recinto

Seis espectáculos e un ‘pitching’ de proxectos escénicos encherán as salas ata o xoves

A Fundación SGAE en Santiago de Compostela volve ser un dos escenarios de Galicia Escena Pro na súa sexta edición. Esta mostra profesional das artes escénicas galegas, que se celebra dende o luns 11 ata o xoves 14 de xuño, serve de escaparate para unha nova fornada de espectáculos e propón tamén diferentes actividades paralelas. En total, Galicia Escena Pro amosará obras de 19 compañías para case 200 programadores e profesionais do sector.

A Fundación SGAE é, un ano máis, unha das sedes da programación. As súas dúas salas acollen ata seis montaxes, a maioría destinadas ao público infantil. Ademais, tamén se realiza neste recinto unha sesión de pitching de espectáculos.

A actividade comezou hoxe con Bathtime, espectáculo infantil con texto e dirección de Kevin Stewart e Carolina Ramos producido pola compañía Katarsis. O seu argumento defende que mancharse de chocolate pode ser divertido, e a hora do baño aínda máis. A función, á que corresponden estas fotos, resultou amena e educativa.

Deseguido, o programa de actividades de Galicia Escena Pro na sede compostelá de Fundación SGAE en 2018:

Luns 11 de xuño

13:00. Bathtime. Espectáculo infantil de Katarsis.

Martes 12 de xuño

11:00. A galiña azul. Espectáculo infantil de Tanxarina.
12:15. Salvador. Espectáculo para adultos de Borja Fernández.

Mércores 13 de xuño

11:00. Planeta Ardora. Espectáculo infantil de Trompicallo.
12:15. Patapatum. Espectáculo infantil de Elefante Elegante.

Xoves 14 de xuño

11:00. Soñando a Pinocho. Espectáculo infantil de La Tartana.
12:15. Pitching de proxectos escénicos.

‘Galicia Escena Pro’

Organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC, Xunta de Galicia), a mostra Galicia Escena Pro ten un perfil eminentemente profesional e recibe numerosos programadores, responsables de festivais e distribuidores que coñecerán de primeira man novas creacións para levar a escena no que queda de 2018 e o vindeiro 2019. Ademais da sede de Fundación SGAE, tamén albergan actividade outros recintos composteláns: o Salón Teatro, o Auditorio Abanca e o Teatro Principal.

A colaboración da Fundación SGAE con esta mostra persegue o obxectivo de acadar visibilidade para o talento do sector escénico galego e facilitar a contratación de espectáculos.