O galego Antón Alcalde, terceira posición no XXX Premio 'Jóvenes Compositores' Fundación SGAE - CNDM 19/nov/2019
O compositor David Cantalejo impúxose na final, celebrada esta noite no Auditorio 400 do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid

Pilar Jurado, presidenta de SGAE: “Este certame evidencia o compromiso da Sociedade Xeral de Autores e Editores coa creación sinfónica”

David Cantalejo Gómez (Bilbao, 1985) é o gañador da XXX edición do Premio Jóvenes Compositores Fundación SGAE-CNDM, que convocan conxuntamente a Fundación SGAE e o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) e cuxa final se celebrou a pasada noite no Auditorio 400 do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid.

O bilbaíno acadou o primeiro premio ‘Xavier Montsalvatge’, dotado con 6.000 euros, pola súa obra La noche de Walpurgis e convértese ademais en compositor residente da Red de Músicas de Juventudes Musicales de España durante a temporada 2020-2021. “Este premio é o froito de moito esforzo e traballo diario; recibilo é un impulso e como compositores obríganos a superarnos”, declarou Cantalejo.

Antón Alcalde (Rianxo-A Coruña, 1992) acadou, finalmente, o terceiro premio, denominado “Francisco Guerrero Marín” e dotado de 1.500 euros e diploma acreditativo. O compositor galego concursaba coa súa obra Firefly. Este importante terceiro premio no XXX Jóvenes Compositores Fundación SGAE-CNDM súmase a outras importantes distincións na carreira deste músico. Con 15 anos, Alcalde gañou o primeiro premio no II Concurso Iberoamericano de Composición para Banda (2009), facéndose tamén co primeiro premio ata en cinco ocasións consecutivas no Concurso Galego de Composición para Banda (2009-11). Foi candidato aos Hollywood in Media Awards (Os Ánxeles, EE UU) e recibiu a medalla de prata nos prestixiosos Global Music Awards (San Diego, EE UU), sendo o autor máis novo en conseguir un premio. En 2017 foi seleccionado como compositor residente no ArtsIceland Institute de Islandia. A súa obra ten sido interpretada en máis de 20 países de tódolos continentes. Ten recibido encargas de importantes organizacións nacionais e internacionais, como o Consello da Cultura Galega, Bevers Harmonieorkest, Izumo Symphonic Band Enishi ou a Real Filharmonía de Galicia.

Pilar Jurado, presidenta de SGAE, lembrou onte como ela mesma se alzou con este galardón en 1997, despois de ter sido finalista tres anos antes: “Este certame evidencia o compromiso da Sociedade Xeral de Autores e Editores coa creación sinfónica; son uns premios de gran transcendencia no sector e, para un compositor novo, o recital de hoxe supón a mellor carta de presentación e un impulso ao desenvolvemento da súa carreira”.

Palmarés completo

Deste xeito, o palmarés completo da XXX edición do Premio Jóvenes Compositores Fundación SGAE – CNDM queda configurado así: David Cantalejo (Bilbao, 1985) acadou o primeiro premio "Xavier Montsalvatge" (6.000 euros) con La noche de Walpurgis; María del Pilar Miralles (Almería, 1997) conquistou o segundo premio “Carmelo Alonso Bernaola” (3.000 euros) coa súa obra Overthinking IC; Antón Alcalde (Rianxo, A Coruña, 1992) alzouse co terceiro premio “Francisco Guerrero Marín” (1.500 euros) coa súa peza Firefly (after ‘Tokio Blues’); mentres que Bruno Angelo (Brasil, 1985) recibiu a mención honorífica "Juan Crisóstomo Arriaga" (1.200 euros) polo seu traballo Res nata. Reflexión ontológica sobre el ornamento. Todos eles contan con menos de 35 anos de idade.


Compositores e xurado na celebración da final do XXX Premio Jóvenes Compositores Fundación SGAE - CNDM.

O conxunto instrumental KOAN 2, baixo a dirección de José Ramón Encinar, estreou onte as catro composicións dentro do ciclo Series 20/21 do CNDM. Ademais, e como en cada edición, a Fundación SGAE editará un disco promocional que reunirá as catro obras finalistas do certame, co fin de contribuír á súa posterior promoción e difusión. O xurado, que estivo composto polos compositores Carlos Fontcuberta Llavata, Junkal Guerrero Langara, Alejandro López Román, Jesús Torres Ruiz e Ana Vázquez Silva, seleccionou estas obras dun total de 22 presentadas a concurso.

Acerca do premio

A Fundación SGAE e o CNDM convocan anualmente este premio co propósito de estimular a creación no eido da música clásica contemporánea entre os creadores de ata 35 anos, contribuír ao desenvolvemento e coñecemento social de novas linguaxes, tendencias e modos de expresión musicais. Creado en 1987 pola SGAE, converteuse nun dos máis importantes certames do seu tipo, polo seu nivel de organización e a súa rigorosidade, polo prestixio dos intérpretes e dos xurados participantes.

A través das súas vinte e nove edicións, o premio serviu de escaparate promocional nos inicios profesionais de algúns dos autores contemporáneos que actualmente gozan dun maior recoñecemento e cuxas obras son habituais dos circuítos internacionais dedicados á música actual.

Entre os gañadores das súas anteriores edicións destacan nomes xa consolidados dentro do panorama da composición actual, con carreiras internacionais que amosan a boa saúde da creación musical española: Agustín Charles, Mauricio Sotelo, José María Sánchez-Verdú, Jesús Rueda, Jesús Torres, Pilar Jurado, Gabriel Erkoreka, Ramón Humet, Juan Cruz Guevara, Jesús Navarro, Oliver Rappoport ou Nuria Núñez, entre moitos outros, teñen sido protagonistas desta cita indispensable no apartado da composición para ensemble a nivel nacional.

Máis información sobre finalistas