XXIX edición do Festival de Jazz de Lugo, co apoio da Fundación SGAE 04/nov/2019
Celébrase do 9 ao 16 de novembro en varios recintos da capital luguesa

Este 9 de novembro ábrese unha nova edición do Festival de Jazz de Lugo, nesta ocasión a vixésimo novena. A Asociación de Amigos do Jazz ‘Escobijazz’ organiza este evento anual, que recibe o apoio da Fundación SGAE a través do Consello Territorial da SGAE en Galicia. Durante oito días celebraranse máis de vinte concertos de músicos de diversas procedencias; dende a inauguración con Andrea Motis Quintet (Cataluña) ata o peche con Paris Monster (EE UU), pasarán polo certame propostas como Baldo Martínez Grand Ensemble (Galicia), Airelle Beson Quartet (Francia), Karryn Allison (EE UU), Pere Navarro Quintet con Abe Rábade (Baleares/Galicia), The Dirty Dozen Brass Band (EE UU), Marcos Teira Quinteto Nós (Galicia), Naughty Professor (EE UU) ou Ron Carter Foursight Quartet (EE UU), entre moitos outros.

O Festival de Jazz de Lugo celébrase dende 1991 nesta cidade galega. A través dun ciclo de actuacións de primeiro nivel e un programa global que inclúe sesións de improvisación, obradoiros formativos ou experimentais e proxeccións de obras audiovisuais, o festival convértese nun foco de atracción anual para amantes do jazz de toda Galicia e Comunidades limítrofes. Numerosas figuras internacionais e valores emerxentes deste xénero musical fixeron deste certame unha referencia. A programación desta XXIX edición, que conta novamente co apoio da Fundación SGAE, repartirase entre Círculo das Artes, Clavicembalo, Ho! Gruf e outros recintos lugueses.

Máis información