Os XXIII Premios Max das Artes Escénicas abren a fase de inscrición de espectáculos 31/out/2019
A convocatoria permanecerá aberta ata o 30 de novembro de 2019 para tódolos espectáculos estreados dende decembro de 2018

Hoxe, xoves 31 de outubro de 2019, dá comezo a 23 edición dos Premios Max das Artes Escénicas coa apertura do periodo de inscrición de espectáculos estreados ou en xira entre o 16 de decembro de 2018 e o 15 de decembro de 2019 e aos profesionais implicados nos seus diferentes aspectos artísticos e técnicos.

No caso de espectáculos teatrais, de rúa ou para público infantil, xuvenil ou familiar, estes deberán ter realizado un mínimo de oito representacións e ter programadas outras sete antes do 30 de xuño de 2020, tanto en territorio nacional como internacional.

As producións que queiran participar nos Premios Max 2020 poderán inscribir a súa candidatura ata o 30 de novembro de 2019, incluídos os que teñen prevista a súa estrea antes do día 15 de decembro. Así mesmo, mantéñense as 19 categorías a concurso.

Os espectáculos poderán ser candidatos nunha ou dúas edicións consecutivas dos Premios Max. Poderán concursar a unha segunda edición aqueles espectáculos en xira que, tendo realizado un mínimo de trinta representacións no segundo ano, non resultaran finalistas na primeira edición á que concorreran.

Organizados pola Fundación SGAE, os galardóns de artes escénicas máis prestixiosos do ámbito nacional celebran 23 anos mantendo os seus tres premios especiais: Premio Max de honor, que distinguirá a traxectoria dunha persoa pola súa achega, entrega e defensa das artes escénicas, o Premio Max amador ou de carácter social, que engloba proxectos a prol da integración e a proxección social e a compañías de teatro amador cunha meritoria achega ás artes escénicas, e Premio Max do Público, que se concederá ao espectáculo que acade maior número de votos do público a través da aplicación online #VotaMax.

Nos últimos anos, os Premios Max das Artes Escénicas consolidáronse como referentes do sector, acadando cada vez un maior número de seguidores e espertando o interese de compañías de todo tipo e de todo o territorio nacional. Na súa última edición, celebrada o 20 de maio de 2019 no Teatro Calderón de Valladolid, concorreron 3.200 candidaturas profesionais individuais e 358 espectáculos.