‘Conecta’, encontro entre guionistas e directores do audiovisual galego 11/out/2019
Esta iniciativa da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) conta co apoio da Fundación SGAE

Realizarase o sábado 26 de outubro na Sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela

O prazo de inscrición remata o 21 de outubro

A Sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela acolle o sétimo encontro Conecta, unha ferramenta para poñer en contacto a directores e guionistas que estean a desenvolver proxectos audiovisuais en Galicia. Trátase dunha actividade organizada pola Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) co apoio da Fundación SGAE e a colaboración da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG). O encontro está deseñado para aqueles guionistas que buscan director, ou viceversa, ou simplemente aqueles profesionais do audiovisual galego que teñan un proxecto e queiran recibir outra opinión. Todos eles poderán manter unha serie de reunións persoais de 25 minutos de duración, coordinadas pola organización e desenvolvidas ao longo de toda a xornada do sábado 26 de outubro.

A finalidade de Conecta é xerar un espazo de contacto entre membros do sector audiovisual: facilitar pontes e fortalecer os proxectos a partir da colaboración. Os participantes (divididos en dúas categorías: con e sen proxecto) son profesionais en activo e ben recoñecidos, pero tamén estudantes que están a xerar as súas primeiras obras no sector. En cada unha das anteriores edicións de Conecta reuníronse uns setenta creadores que mantiveron arredor de 200 reunións persoais de traballo.

Os encontros desenvolveranse entre as 10:30 e as 18:30 horas do sábado 26 de outubro na Fundación SGAE (Santiago de Compostela).

O prazo de matrícula péchase o 21 de outubro.

Máis información e inscrición