O itinerario ‘Camiño Escena Norte’ chega esta semana a Lugo, Vilalba e Arzúa 02/out/2019

'Como ceniza blanca sobre una hoguera', de La Tejedora de Sueños.

Compañías teatrais de todo o Cantábrico actúan estes días en Galicia

Fundación SGAE apoia este proxecto de intercambio escénico con Asturias, Euskadi e Cantabria

O proxecto Camiño Escena Norte continúa adiante en Galicia. Trátase dunha ambiciosa iniciativa de intercambio promovida polas asociacións escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, e conta co apoio da Fundación SGAE a través do Consello Territorial de SGAE en Galicia. O proxecto celebra neste territorio espectáculos das Comunidades cantábricas, e leva obras galegas ás demais rexións seguindo o Camiño Norte.

Mañá, xoves 3 de outubro, a compañía asturiana La Tejedora de Sueños porá en escena o espectáculo Como ceniza blanca sobre una hoguera, de Néstor Villazon. Será no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, ás 20:00 horas, con entrada gratuíta. Ao remate da función haberá un encontro da directora e os actores co público asistente. A obra, que narra un xuízo por herexía en tempos da Santa Inquisición, repetirá no Salón Teatro de Santiago de Compostela o vindeiro 11 de outubro.


'Ulisesen bidaia', de Teatro Gorakada

O sábado, 5 de outubro, o Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba acollerá a representación en castelán de Ulisesen bidaia (El viaje de Ulises), creación da compañía vasca Teatro Gorakada sobre un texto de Julio Salvatierra. O mito clásico de Ulises e a súa ofensa a Poseidón arranca a historia dunha viaxe como metáfora da vida, da loita constante para resolver as dificultades. A función comezará ás 18:30 horas, pero dende as 16:30 horas ofrecerase un obradoiro introductorio para contextualizar a obra. Todo isto, con acceso gratuíto.


'La novia del viento', de Ábrego Producciones

Finalmente, o domingo 6 de outubro, a compañía cántabra Ábrego Producciones chegará á Capela da Madalena de Arzúa para representar La novia del viento, orixinal de Pati Domenech. O texto traslada a vivencia persoal da creadora surrealista Leonora Carrington, que viviu unha das súas experiencias máis intensas e terribles nun hospital psiquiátrico. A función comezará ás 20:00 horas e, ao remate, o autor e a actriz terán un encontro co público asistente.

Sobre ‘Camiño Escena Norte’

Camiño Escena Norte é un proxecto articulado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural. A iniciativa, promovida polas asociacións de produtoras Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi), conta co apoio da Fundación SGAE (a través do Consello Territorial da SGAE en Galicia), a Xunta de Galicia (a través de AGADIC), e as deputacións da Coruña e Lugo.

Camiño Escena Norte xurde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños do norte peninsular. Toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica. Ofrécese así ao público o acceso a espectáculos teatrais doutros territorios, aos que doutro xeito non accederían. A programación continúa a vindeira semana con máis representacións e actividades.