A Fundación SGAE apoia ‘Camiño Escena Norte’, proxecto de intercambio escénico entre Galicia, Euskadi, Asturias e Cantabria 06/set/2019
A partir do 22 de setembro celebraranse espectáculos gratuítos en Ribadeo, Mondoñedo, Lugo, Vilalba, Arzúa, Sobrado dos Monxes e Santiago de Compostela

As compañías galegas A Panadaría e Baobab Teatro presentarán os seus espectáculos en Asturias, Cantabria e Euskadi

O proxecto Camiño Escena Norte presentouse esta mañá en Santiago de Compostela. Trátase dunha ambiciosa iniciativa de intercambio promovida polas asociacións escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, e conta co apoio da Fundación SGAE a través do seu Consello Territorial en Galicia. O proxecto celebrará en territorio galego espectáculos doutras Comunidades do norte, e levará obras galegas ás demais rexións seguindo o ronsel do Camiño Norte.

Na presentación do programa estiveron presentes Belén Pichel, presidenta de Escena Galega, como promotora do proxecto; Juan Rivas, presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia; Jacobo Sutil, director de AGADIC; e Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña. Na súa intervención, Rivas felicitou a Escena Galega e as súas homólogas nas demais Comunidades participantes polo desenvolvemento desta idea en colaboración. O representante dos socios da SGAE referiuse a Camiño Escena Norte como “un exemplo de irmandade intelixente” no sector teatral e expresou o seu desexo de continuidade, pero tamén “que se traslade a outros ámbitos da creación, coma o audiovisual e o musical”.

O proxecto contempla residencias creativas e representacións teatrais que, no caso de Galicia, comezarán o 22 de setembro en Ribadeo e continuarán por Mondoñedo, Lugo, Vilalba, Arzúa, Sobrado dos Monxes e Santiago de Compostela. Nestas localidades poderanse ver os espectáculos Bojiganga, de Teatro del Cuervo; Como ceniza blanca sobre una hoguera, de La Tejedora de Sueños; El viaje de Ulises, de Teatro Gorakada; La novia del viento, de Ábrego Producciones; Beatus, visiones del Apocalipsis, de Espacio Espiral; e Sagartu, de Hika Teatroa. Todos de libre acceso ata completar a capacidade.

Ademais, dúas compañías galegas amosarán as súas últimas producións en Asturias, Cantabria e Euskadi. Trátase de Baobab Teatro, con Luppo; e A Panadaría, con Elisa e Marcela. Outra compañía, Contraproducións, estará en residencia en Euskadi.

Sobre ‘Camiño Escena Norte’

Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural. A iniciativa, promovida polas asociacións de produtoras Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi), conta co apoio da Fundación SGAE (a través do Consello Territorial da SGAE en Galicia), a Xunta de Galicia (a través de AGADIC), e as deputacións da Coruña e Lugo.

Camiño Escena Norte xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños do norte peninsular. Toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica. Ofrécese así ao público o acceso a espectáculos teatrais doutros territorios, aos que doutra maneira non accederían.

Máis información