TerraZeando chega cos Monnone Alone e Martin Frawley 09/xull/2019
Será este mércores, 10 de xullo, no parque de Vista Alegre (Santiago de Compostela)

Os concertos, de acceso gratuíto, comezarán ás 20:00 horas

O ciclo TerraZeando chega por primeira vez á terraza da Fundación SGAE no parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela. A asociación Desconcierto Cultural convoca anualmente unha serie de concertos que, baixo esta marca, tentan dinamizar as tardiñas do verán con música ao vivo en espazos abertos. A Fundación SGAE apoia o ciclo TerraZeando por segundo ano consecutivo e esta vez, ademais, acollerá na súa terraza o recital de dúas propostas australianas: Monnone Alone eMartin Frawley. Será este mércores, 10 de xullo, ás 20:00 horas e con acceso gratuíto.

Monnone Alone é un grupo de indie pop liderado por Mark Monnone (ex Luckysmiths) e que conta con membros doutras bandas significativas da súa Australia natal. Vén presentar o seu segundo disco, recentemente editado co título de Summer of the mosquito, cun repertorio de pop de esencia clásica, con melodías bonitas e guitarras de doce cordas, pero presentado coa urxencia e as formas do século XXI. Compartirá escenario co tamén australiano Martin Frawley, ex compoñente de Twerps, que presentará o seu debut discográfico: Undone at 31.

A terraza da Fundación SGAE en Santiago de Compostela acolleu o festival do Día da Música o pasado 21 de xuño e, polas súas condicións acústicas e a beleza verde da contorna, confirmouse como un espazo idóneo para a celebración de concertos ao aire libre. A chegada de TerraZeando suporá unha nova ocasión de comprobalo.