IKFEM remata este domingo na eurocidade Tui-Valença cun concerto de Margarita Viso e Gabriel Alonso 20/xull/2019
Ofrecerán un recital con repertorio diverso na igrexa de Santo Estevao, en Fortaleza (Valença-Portugal)

Fundación SGAE apoia esta edición do certame, que inclúe multitude de actividades centradas nos instrumentos de teclado

O International Keyboard Festival & Masterclass (IKFEM) remata este domingo, 21 de xullo, na eurocidade Tui-Valença, co apoio da Fundación SGAE. O evento, que celebrou xa sete edicións, desenvólvese en ámbolos municipios a cadansúa beira do río Miño entre o 14 e o 21 de xullo. Con carácter transfronterizo e dende o afán de concitar os valores culturais compartidos por Galicia e norte de Portugal, o IKFEM propón diversas actividades arredor da familia dos instrumentos de teclado: piano, órgano, clave, acordeón, kalimba e outros. Ao longo destes días, espazos como a Catedral de Tui ou a ponte internacional convertéronse en escenarios de excepción para concertos, obradoiros, clases maxistrais e mesmo un desfile de moda.

Para pechar a súa programación na beira portuguesa e co apoio da Fundación SGAE, a igrexa de Santo Estevao de Fortaleza (Valença) acolle este domingo, 21 de xullo (18:30 horas), un recital de canto cun repertorio de ópera, zarzuela e intermedios pianísticos. Os protagonistas son a compositora e pianista Margarita Viso e o barítono Gabriel Alonso. Este último cursou estudos de canto e saxofón no Conservatorio do seu Ferrol natal, pero segue a formarse actualmente co profesor Ryland Davies na Escuela Superior de Música Reina Sofía. Ten realizado concertos coa Real Filharmonía de Galicia conducida por Maximino Zumalave e ten participado nas temporadas de ópera de Vigo, Málaga ou San Sebastián.

Pola súa banda, Margarita Viso é autora, pianista, editora e profesora formada no Conservatorio da Coruña con Jeannette Romero e Rogelio Groba. Ten composto multitude de obras para cámara e canto e, como musicóloga, desenvolveu un intenso traballo sobre Marcial del Adalid. No seu recital deste domingo, interpretarán un repertorio que citará aos mestres galegos Juan Durán, Chané ou Marcial del Adalid xunto con clásicos como Wagner, Puccini ou Moreno Torroba, abrindo cunha partitura da propia Viso.