Fundación SGAE apoia a LXII edición de ‘Músicos en Compostela’ 25/xull/2019
Impulsados en 1958 por Andrés Segovia, estes cursos universitarios internacionais desenvólvense do 28 de xullo ao 10 de agosto na capital galega

Con docentes como Antón García Abril ou Maximino Zumalave, contribúen á difusión do patrimonio musical español

Para máis información: www.musicaencompostela.es

Os cursos universitarios internacionais ‘Música en Compostela’ foron creados, a iniciativa do mestre Andrés Segovia, en 1958. Dende aquela, foron celebrándose na capital galega cada verán mantendo a fidelidade aos seus principios: interpretar e divulgar a música española; transmitila ao centenar de alumnos de máis de vinte nacionalidades que anualmente rexistran a súa matrícula. A Fundación SGAE apoia tradicionalmente esta actividade, que conta na súa historia con docentes coma o propio Andrés Segovia, Federico Mompou, Joaquín Rodrigo, Xavier Montsaltatge, Victoria de los Ángeles ou Luis de Pablo. Entre os seus alumnos estiveron músicos tan importantes como Carmelo Bernaola, Montserrat Caballé, Cristóbal Halffter, Christopher Hogwood ou John Williams.

Na vixente LXII edición, ‘Músicos en Compostela’ contará con profesores do prestixio de Antón García Abril, Maximino Zumalave, Ana María Sánchez, Agustín León Ara, María de Macedo ou Ángel Huidobro, por citar algúns.  Todos eles contribuirán á preservación, o coñecemento e a difusión internacional do patrimonio musical español, atendendo ao traballo e á obra de Isaac Albéniz, Marcial del Adalid, Manuel de Falla, Teresa Catalán, Juan Durán, Andrés Gaos, Manuel Balboa, Enrique Granados, Rogelio Groba, Joaquín Homs, Tomás Marco, Mercedes Zabala, Federico Mompou, Federico Moreno Torroba, Claudio Prieto, Eduardo Toldrá, Joaquín Turina ou Tomás Luis de Victoria, entre outros mestres.

Os cursos ‘Música en Compostela’ recibiron en 1997 a Medalla de Honor da Real Academia de las Bellas Artes de San Fernando. Ademais do traballo nas aulas, a actividade ofrece un amplo programa de concertos, conferencias, visitas culturais e edición de partituras.

Para máis información: www.musicaencompostela.es