Fundación SGAE presenta o cartel definitivo do Día da Música en Santiago de Compostela 07/xuñ/2019
Shica & Gutman, Villanueva e Best Boy ofrecerán máis de 3 horas de música nun festival aberto e gratuíto

Será o 21 de xuño, no parque de Vista Alegre, a partir das 20:30 horas

A Fundación SGAE festexará o 21 de xuño, Día da Música, cun festival en Santiago de Compostela. O evento celebrarase a partir das 20:30 horas no parque de Vista Alegre, ao aire libre e con acceso gratuíto. Encabeza o cartel o dúo Shica & Gutman, cuxo concerto ofrecerá unha espectacular fusión de música de raíz ibérica e flamenca con bases electrónicas. O programa do Día da Música, que conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, complétase coa participación de dous excelentes grupos galegos: Villanueva e Best Boy.

Shica & Gutman

Shica & Gutman, por primeira vez en Galicia, é a sociedade musical de dous artistas con enorme prestixio internacional. Elsa Rovayo “La Shica” (Ceuta, 1976), cantante e bailarina criada no mestizaxe do flamenco co rock ou o rap, despuntou nos tablaos de Madrid e lanzouse como cantante co disco Trabajito de chinos (Warner Music, 2008). Dende aquela, acadou dous Premios da Música (Autor Revelación e Artista Revelación en 2011), ofreceu concertos en eventos internacionais de tanto prestixio como o Festival Internacional Cervantino ou o Festival de las Culturas (ambos en México) e traballou con Pedro Guerra, Jarabe de Palo, Javier Limón ou Eliseo Parra, entre moitos outros. Ten compartido escenario na última década con Martirio, Jorge Drexler, Rozalén, Macaco, Rosendo, Rosario ou Armando Manzanero. E, no teatro, colaborou con Alfonso de Vilallonga, Sol Picó ou Candela Peña.

Pola súa banda, o compositor, músico e produtor Didi Gutman (Bos Aires, 1968) especializouse na vertente electrónica do pop e foi gañador de varios Premios Grammy. Gutman destacou como instrumentista de figuras como Luis Alberto Spinetta, Roy Ayers ou Bebel Gilberto e, posteriormente, facturou obras de éxito internacional con Bajofondo Social Club ou Brazilian Girls. Como produtor, ten traballado con Paulina Rubio, Coti ou Nawja Nimri. Como músico, ten acompañado a Lauryn Hill, Grace Jones, John Legend ou Meshell Ndegeocello. Tamén forma parte do supergrupo latino Meteoros, con Julieta Venegas, Cachorro López e Ale Sergi.

O proxecto Shica & Gutman chega ao Día da Música co apoio do Concello de Santiago de Compostela a presentar o seu debut, autotitulado e publicado en 2018. Contén un repertorio inspirado que fusiona a raíz ibérica e flamenca co son electrónico e que en directo gaña unha nova dimensión: humor, baile, pasión, psicodelia e melancolía son algúns dos ingredientes do seu cóctel. No parque de Vista Alegre ofrecerán cancións como “Adela tiene un cuchillo” ou “Fondona”, que resumen a súa orixinal proposta. Tras este concerto, as seguintes datas de Shica & Gutman serán en festivais de Madrid e Londres.

Villanueva e Best Boy

Villanueva é o proxecto artístico do autor vigués Josete Villanueva, con ampla experiencia no circuíto do pop alternativo dende o seu debut, en 2014. As súas cancións recolleron excelentes críticas nos medios especializados e de referentes como Nacho Cano (Mecano). Con dous discos publicados, Villanueva lanzará este ano o terceiro, gravado con músicos como Jorge Guirao (Second), Edu Martínez (Sidonie), Ángel Herranz (Rubén Pozo, Iván Ferreiro) ou Nacho Mata (Jacobo Serra), habituais da primeira liña do actual pop español. Esta mesma semana estreouse “Horizontal”, o segundo avance do novo traballo. Villanueva, que chega de tocar en México, adiantará temas do seu novo repertorio no Día da Música, o 21 de xuño en Santiago de Compostela.

Pola súa banda, Best Boy é o grupo orixinario de Tui (Pontevedra) e liderado por Ángel Sánchez e Lucas Fernández. Cun disco publicado (Cross the border, 2017) e gañador do premio Maketón de Radio Vigo ao Mellor Directo, Best Boy abrirá a festa do Día da Música cun repertorio propio que recicla o mellor da influencia clásica estadounidense: pop, rock, soul, jazz ou bluegrass deixan pouso na súa proposta, de factura intachable.

Sobre o Día da Música

Os participantes no festival do Día da Música en Santiago de Compostela actuarán dende un escenario situado na terraza do edificio monumental da Fundación SGAE cara ao parque. O evento contará cun servizo de restauración xestionado pola Asociación Veciñal As Brañas de Andrés, que representa aos barrios de Pelamios e Vista Alegre.

O Día da Música, nacido en Francia en 1981, é a festa mundial de celebración deste arte sen condicións nin fronteiras. Con tradicional seguimento en cidades como Nova York, París, Berlín, Roma, Lima ou México DF, a efeméride contempla a realización de concertos abertos ao público en prazas, parques e outros espazos. Así o deseñou a Fundación SGAE en Santiago de Compostela, que ofrece un festival con tres artistas dende as 20:30 ata pasada a medianoite. Grazas á colaboración da Fundación SGAE coa USC e a Escola de Altos Estudos Musicais, tanto a sede da SGAE na capital galega como outros recintos do parque de Vista Alegre (Auditorio de Galicia, Escola de Altos Estudos Musicais e Casa de Europa) abrirán as súas portas a visitas guiadas, con acceso libre previa cita no teléfono 981.569082.