‘Cincenta’ regresa esta fin de semana á Fundación SGAE
Danthea Teatro representa en Santiago de Compostela un espectáculo baseado no clásico dos irmáns Grimm

Sede de Fundación SGAE en Santiago de Compostela acolle esta fin de semana dúas funcións de Escena en Familia. O ciclo de artes escénicas para os máis pequenos ofrece Cincenta, unha proposta de Danthea Teatro. Trátase dun espectáculo recomendado para nenos a partir de 3 anos. Os pases son o sábado 14 (18:00 horas) e o domingo 15 (12:30 horas). O prezo dos billetes é de 5 euros (4 euros con desconto).

Cincenta é unha montaxe baseada no conto clásico dos irmáns Jacob e Wilhelm Grimm. O zapateiro real recibe tódolos días calzado das persoas máis importantes do reino, pero esta é a historia dun diminuto zapato de cristal que agocha a fabulosa aventura da súa dona: unha fermosa moza chamada Cincenta. O relato, narrado en clave de comedia familiar, mistura o teatro de actor e os monicreques.

O ciclo Escena en Familia, unha iniciativa da Fundación SGAE en Santiago de Compostela, leva en activo dende abril de 2008. A seguinte convocatoria da súa programación é Cinematomago, o espectáculo de maxia da Illa dos Nenos, que chegará os días 21 e 22 de abril.