A Presidenta da SGAE acada os consensos necesarios para aprobar os principais retos da entidade 08/maio/2019
A Xunta Directiva presidida por Pilar Jurado impulsa unha fonda renovación da entidade co propósito de cumprir as esixencias do Ministerio de Cultura e a CISAC:

-Aprobación duns Estatutos, adaptados ás esixencias legais, que contemplan a creación dun órgano de control e supervisión
-Desenvolvemento do regulamento do voto electrónico para asembleas e eleccións
-Asunción do dictame da Comisión Deontolóxica

As decisións adoptadas onte pola Xunta Directiva da SGAE correspóndense coas distintas esixencias que tanto o Ministerio de Cultura como a Confederación Internacional de Autores e Compositores (CISAC) requirían da Sociedade española, e manifesta o cumprimento fidedigno dos compromisos expresados por Pilar Jurado como presidenta da SGAE dende que tomou posesión o pasado 27 de febreiro.

A Xunta Directiva aprobou un novo texto dos Estatutos da Sociedade, que asume e responde á totalidade das esixencias legais derivadas da nova Lei de Propiedade Intelectual. Estes Estatutos deberán ser ratificados pola Asemblea Xeral da Sociedade, que se celebrará o vindeiro 24 de xuño.

As modificacións introducidas supoñen unha maior esixencia de transparencia, ademais de reforzar a supervisión a través de novos mecanismos de control. Neste senso, contemplan a creación dun órgano de control e supervisión, denominado Comisión de Supervisión, cuxo obxectivo é o control permanente dos órganos de goberno.

Igualmente, a Xunta Directiva ratificou o acordo tomado o día anterior polo Consello de Dirección sobre o desenvolvemento do voto electrónico para as asembleas e os distintos procesos electorais, unha decisión que responde ao desexo de ofrecer as máximas posibilidades de participación aos socios.

A Xunta tamén acatou a decisión da Comisión Deontolóxica, malia non estar de acordo co dictame que emitiu e que considera un tratamento inxusto cos membros afectados.

Ademais, a Xunta Directiva da entidade aprobou que as reparticións de dereitos correspondentes a decembro de 2018 e xuño de 2019 inclúan o límite do 20% ao recadado pola música emitida en televisión na franxa nocturna.