O XVI Festival de Cans contará cun escenario de Fundación SGAE para o talento feminino 07/maio/2019

A Fundación SGAE, a iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia, participa no XVI Festival de Cans, que se celebrará do 22 ao 25 de maio na aldea de Cans (Porriño, Pontevedra). O certame é xa unha mostra referencial das curtametraxes producidas dentro e fóra de Galicia. O seu programa abrangue tamén diversidade de actividades musicais; dentro destas, a Fundación SGAE apoiará cun escenario propio as celebradas na avenida Cans Voulevar o sábado 25, integramente protagonizadas por mulleres.

Juan Rivas (presidente do Consello Territorial da SGAE, á dereita na imaxe) manifestou na presentación deste mediodía a súa satisfacción porque “en Galicia temos un festival como o de Cans, que se converte este mes no maior escaparate dos nosos autores audiovisuais e musicais”. Ademais, Rivas engadiu a vontade do seu Consello Territorial de sumarse ás múltiples iniciativas para a igualdade de xénero, no que considera “o gran ano da visibilidade da muller”. Así, o sábado 25 de maio promoverase un escenario específico de Fundación SGAE para o talento musical feminino, no que actuarán Patricia Moon, MJ Pérez e Raiceira.

Juan Rivas lembrou tamén en Cans a satisfacción dos socios da SGAE pola aprobación da compatibilidade para percibir dereitos de autor coa pensión de xubilación. Celebraremos esta noticia e, en xeral, o talento creativo galego no Escenario Fundación SGAE do Festival de Cans o sábado 25 de maio. Apuntemos a data!