Rematou en Galicia a temporada do programa divulgativo “Formando creador@s” 25/mar/2019

Esta mañá de luns rematou en Galicia a temporada do programa divulgativo “Formando creador@s”, que a Fundación SGAE desenvolve en institutos de Educación Secundaria, conservatorios superiores de música e danza e centros especializados de audiovisual, e vai enmarcado no Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.

Hoxe, nas últimas sesións, achegámonos aos alumnos dos institutos de Educación Secundaria de Mos e A Xunqueira II (Pontevedra), e tamén do CIFP Imaxe e Son (A Coruña). Estes centros recibiron a visita de Gemma Sesar (autora e directora de El Patito Editorial), Xosé Manuel Blanco (director da axencia Loquilandia, representante de Siniestro Total e outros artistas) e Belén Pichel (produtora e presidenta da asociación Escena Galega). A xornada desenvolveuse a partir de dous obxectivos principais: facilitar aos estudantes ferramentas para a súa evolución artística e abordar dimensións estratéxicas, complementarias á artística, para unha carreira profesional consciente e responsable.

Formando creador@s”, activado en 2018 polo Consello Territorial da SGAE en Galicia, chegou a varios centos de estudantes nesta Comunidade. A este público de xente nova desexámoslle éxito e inspiración na súa futura andaina profesional.