A Fundación SGAE apoia os XXIII Premios María Casares 15/mar/2019
O Consello Territorial da SGAE en Galicia confirma o seu impulso a esta gala anual

A XXIII edición dos María Casares celébrase este 21 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

A Fundación SGAE, tradicionalmente presente nos Premios María Casares das Artes Escénicas, revalida en 2019 a súa axuda a estes galardóns, que recoñecen cada temporada o traballo e o talento dos profesionais da creación teatral en Galicia. O Consello Territorial da SGAE nesta Comunidade apoia a cerimonia de entrega, que se celebrará no Teatro Rosalía de Castro da Coruña este xoves, 21 de marzo, a partir das 20:30 horas.

Juanillo Esteban e Carlos Sante dirixirán a gala, sobre a que xa avanzaron que terá moito espectáculo, comedia e circo. Outro dos nosos socios, o dramaturgo Carlos Santiago, lerá este ano o manifesto galego do Día Mundial do Teatro, que el mesmo escribiu.

Os XXIII Premios María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). A Fundación SGAE desexa éxito aos autores Magín Blanco, Esther F. Carrodeguas, Santiago Cortegoso, Cándido Pazó e demais socios e finalistas nas diversas candidaturas. Na presentación, Juan Rivas (presidente do Consello Territorial da SGAE) puxo en valor este evento como escaparate do talento da dramaturxia galega e reivindicou respecto e atención para o sector teatral, unha comunidade crítica que inviste 4,6 millóns de euros en mercar máis de 450.000 billetes de teatro ao ano en Galicia, segundo o último “Anuario SGAE”.