Gema R. Neira ofrecerá unha charla ao alumnado do CIFP Imaxe e Son da Coruña 13/mar/2019
A ferrolá Gema R. Neira, unha das máis importantes escritoras para televisión, falará do seu oficio este venres dentro do ciclo 'Formando creador@s', da Fundación SGAE

O Consello Territorial de SGAE en Galicia promove o programa Formando creador@s. Trátase dunha actividade desenvolvida pola Fundación SGAE para institutos de Educación Secundaria, conservatorios superiores de música e danza e centros especializados de audiovisual, e vai enmarcado no Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.

Este venres, 15 de marzo, o ciclo achégase aos alumnos e alumnas do CIFP Imaxe e Son da Coruña. Este centro recibirá a visita da ferrolá Gema R. Neira, unha das guionistas máis importantes da televisión actual en España. Directora do Departamento de Desenvolvemento de Bambú Producciones, traballou recentemente nos textos das exitosas teleseries Fariña (Antena 3) ou Las chicas del cable (Netflix). Sen embargo, a andaina de Neira comezou en fitos de ficción emitidos pola autonómica TVG, como Mareas vivas, Terra de Miranda, As leis de Celavella ou Padre Casares. A súa primeira serie como creadora foi Patricia Marcos, desaparecida (TVE). Despois, o seu traballo contribuiu a dar forma a historias de éxito nacional ou internacional, como Velvet, Gran Hotel,Hispania, Gran Reserva, Tiempos de guerra, La embajada ou Bajo sospecha, entre outras producións. No CIFP Imaxe e Son, Gema R. Neira desenvolverá a conferencia De profesión, autora. Ganarse la vida en la industria cultural.

Nesta actividade participará, ademais, a avogada Marina Luiña (Servizos Xurídicos da SGAE), que ofrecerá na súa charla os marcos da propiedade intelectual e os dereitos de autor. Entre ámbalas dúas darán aos estudantes do CIFP Imaxe e Son, futuros traballadores da industria cultural, algunhas claves para adentrarse no oficio da creación de contidos audiovisuais. O centro coruñés, fundado en 1991, é referente galego na formación profesional no ámbito técnico e cultural e, como tal, foi recoñecido cun galardón á súa traxectoria nos Premios Mestre Mateo.

A iniciativa Formando creador@s, que segue ata o 25 de marzo, articúlase a partir de dous obxectivos principais: facilitar ferramentas para o desenvolvemento artístico e abordar dimensións estratéxicas, complementarias á artística, para unha carreira profesional consciente e responsable.