O ciclo 'Formando creadores' continúa en centros educativos galegos 26/feb/2019

O Consello Territorial de SGAE en Galicia promove o programa “Formando creador@s”, que a nosa Fundación SGAE desenvolve nesta Comunidade dende 2018. Trátase dunha actividade deseñada para institutos de Educación Secundaria, conservatorios superiores de música e danza e centros especializados de audiovisual, e vai enmarcado no Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.

Neste comezo de semana achegámonos aos alumnos dos institutos de Educación Secundaria de Mos e A Xunqueira II (Pontevedra), e también do CIFP Imaxe e Son (A Coruña). Estes centros recibiron a visita de dous gañadores de Premios Goya: Mabel Rivera (adaptadora teatral e actriz) e Alberto Vázquez (creador de cine de animación). Tamén formaron parte do programa Alfonso Blanco “Fosco” (director da produtora audiovisual Portocobo, a piques de estrear a teleserie “Hierro”), Xosé Manuel Blanco (director da axencia Loquilandia, representante de Siniestro Total e outros artistas) e a avogada Marina Luiña (Servizos Xurídicos da SGAE). Entre todos explicaron aos estudantes as claves para subsistir na industria cultural, para promocionar e vender proxectos audiovisuais ou para unha correcta facturación e contratación, ademais dun achegamento aos dereitos de autor.

A iniciativa “Formando creador@s”,que segue ata o 25 de marzo, articúlase a partir de dous obxectivos principais: facilitar ferramentas para o desenvolvemento artístico e abordar dimensións estratéxicas, complementarias á artística, para unha andaina profesional consciente e responsable. Na imaxe, Mabel Rivera e Marina Luiña nun momento da súa charla no instituto pontevedrés de A Xunqueira II.