A Fundación SGAE anuncia os candidatos aos XXII Premios Max das Artes Escénicas 14/feb/2019
Un total de 119 espectáculos dos 358 inscritos foron seleccionados

Ábrese o proceso de votación para o Premio Max do Público ata o 30 de abril

O Comité Organizador dos Premios Max das Artes Escénicas dá a coñecer mediante este comunicado os candidatos ás 19 categorías a concurso da 22ª edición destes galardóns organizados pola Fundación SGAE, cuxo propósito é estimular e premiar o talento dos profesionais do teatro e a danza no territorio español, ademais da promoción dos espectáculos da temporada.

Un total de 119 espectáculos dos 358 inscritos foron seleccionados para participar como candidatos na 22ª edición dos Premios Max das Artes Escénicas, tal e como o decidiron, nesta primeira fase, os tres xurados territoriais (Madrid, Cataluña e Comunidades Autónomas) designados polo Comité Organizador.

Despois da primeira fase de selección, un tribunal formado polos tres presidentes dos xurados territoriais, catro persoeiros das artes escénicas e un membro do Comité Organizador será o encargado de decidir os finalistas das 19 categorías que concursan na 22ª edición dos Premios Max das Artes Escénicas.

O Comité Organizador está composto por Ana Graciani, presidenta da Fundación SGAE, Pilar Jurado, directora institucional de Artes Escénicas da Fundación SGAE, os dramaturgos Eduardo Galán, Yolanda García Serrano, Juan Luis Mira e Paloma Pedrero e a coreógrafa María Pagés (membros do Colexio de Gran Dereito da SGAE).

Apertura do Premio Max do Público
Ademais, o Comité Organizador dos Premios Max anuncia, coincidindo coa publicación oficial dos candidatos, a apertura do período de votacións para o Premio Max do Público. Este galardón recoñecerá, por segundo ano consecutivo, o espectáculo favorito desta temporada para os afeccionados das Artes Escénicas entre tódolos candidatos que compiten na 22 edición dos Premios Max.

A aplicación para móbil e online #VotaMax rexistrará as puntuacións dende hoxe e ata o 30 de abril . Este premio especial permite aos amantes do teatro cualificar cada un dos 119 espectáculos candidatos nas categorías de teatro, danza, musical ou lírico, de rúa, revelación e para público infantil, xuvenil ou familiar.

#VotaMax está dispoñible na páxina web dos Premios Max, Android e iOs. Entre tódolos participantes sortearanse dúas viaxes para dúas persoas -que inclúen billete, desprazamento e aloxamento-, para acudir como público á 22ª edición dos Premios Max. Este premio especial súmase ao Premio Max de Honor, o Max Afeccionado ou de Carácter Social e as 19 categorías a concurso e farase público unha vez rematen os prazos de votación.

 

Acerca dos Premios Max
Organizados pola Fundación SGAE dende 1998, os Premios Max, cuxo galardón está deseñado polo poeta e artista plástico Joan Brossa (Barcelona-1919/1999), impulsor dun dos colectivos renovadores da arte española de posguerra, consolidáronse ao longo destes anos como o recoñecemento máis amplo no ámbito das artes escénicas no Estado español, acadando cada vez un maior número de seguidores e concitando o interese de compañías de todo tipo e de todo o territorio nacional. Na súa última edición, celebrada o 18 de xuño de 2018 no Cartuja Center CITE de Sevilla, concorreron 3.370 profesionais e inscribíronse 394 espectáculos.

Estes galardóns celebran 23 anos mantendo os seus tres premios especiais: Premio Max de honor, que distinguirá a traxectoria dunha persoa pola súa aportación, entrega e defensa das artes escénicas; o Premio Max afeccionado ou de carácter social, para proxectos a favor da integración e a proxección social e a compañías afeccionadas cunha notable contribución ás artes escénicas; e o Premio Max do Público, que se concederá ao espectáculo que acade maior número de votos do público a través da aplicación online #VotaMax.

Lista de candidatos