Convenio entre o concello de Sober e a SGAE 12/dec/2018
As festas do municipio celebraranse con tarifa plana por dereitos de autor

O alcalde, Luís Fernández Guitián, salienta “o aforro que suporá en xestión burocrática e en orzamento”

concello de Sober e a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) asinaron este mediodía un convenio a beneficio das festas populares do municipio. O acordo baséase na adhesión de Sober a un plan de tarifa plana que a SGAE puxo en marcha para municipios que non superen os 3.000 habitantes. No acto da sinatura estiveron o alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, e o director da SGAE no Noroeste, Miguel Diéguez Díaz.

A partir deste documento, os dereitos de autor serán xestionados en Sober a través dun importe fixo anual. “Isto suporá ao municipio un aforro administrativo e un maior control orzamentario”, explicou este mediodía Miguel Diéguez: “Permitirá a Sober celebrar cantos eventos desexe por unha cifra preestablecida. A tarifa plana cobre verbenas, romarías, bailes e, en definitiva, a maioría de actividades enmarcadas nas festas populares”.

Sober é o primeiro municipio de Terra de Lemos en adherirse a esta tarifa simplificada da SGAE. “En Sober celébranse anualmente entre 15 e 20 festas populares, ademais doutras actividades culturais que organiza o propio concello”, declarou Luís Fernández Guitián. O edil puxo de manifesto “o importante aforro que suporá este convenio, tanto en xestión burocrática coma en orzamento”. Engadiu que “as festas seguirán a celebrarse co mesmo apoio económico do concello e, cos cartos que aforren, poderán dedicar máis recursos a outras actividades”. O alcalde de Sober recomendará a outros municipios da rexión que se adhiran a este convenio, que lles permite beneficiarse da tarifa simplificada por dereitos de autor e, ademais, regularizar a celebración das súas festas populares “dentro da legalidade”.

Na base do acordo están os dereitos de autor, recollidos pola Lei de Propiedade Intelectual e que debe recoñecer toda entidade que organice un evento onde se interprete repertorio protexido. No caso de festexos de acceso público gratuíto, tales como verbenas e festas populares, a tarifa aplicada por SGAE e aprobada polo Ministerio de Cultura é o 7% do orzamento. Non obstante, co novo convenio, as festas de Sober poderán celebrar, cunha tarifa anual fixa, cantas actividades desexen.