A Fundación SGAE apoia o encontro audiovisual ‘Conecta +’ 12/dec/2018
Trátase dunha intersección anual entre creadores e produtores

Celebrarase o sábado 15 de decembro en Santiago de Compostela

A Fundación SGAE, a través do Consello Territorial da SGAE en Galicia, apoia unha nova edición de Conecta +. A actividade foi concibida como ferramenta para poñer en contacto a creadores galegos con produtores de toda España que poidan estar interesados en desenvolver os seus proxectos. Conecta + celebrarase este sábado, 15 de decembro, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. A organización do encontro, que acadou un notable éxito nas súas anteriores edicións, corre a cargo da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) e conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC – Xunta de Galicia).

Ao longo da xornada celebraranse reunións persoais na procura de conexións entre autores e industria. O obxectivo de Conecta + é xerar un espazo de contacto entre guionistas, directores e produtores, construír pontes entre as ideas e o mercado, analizar a viabilidade económica de cada proxecto e promover a constitución de equipos que combinen talento e capacidade de execución. Os autores poderán presentar as súas ideas aos produtores para establecer unha colaboración profesional ou, cando menos, recibir unha orientación que reforce a súa obra. Serán convidados relevantes produtores (galegos e do ámbito estatal) con experiencia nos diferentes formatos do audiovisual: ficción comercial, cine experimental, documentais, televisión ou proxectos transmedia.

A implicación da Fundación SGAE con Conecta + é unha das diversas manifestacións do compromiso da entidade co audiovisual galego. Co impulso do Consello Territorial da SGAE en Galicia, celébranse ao longo de todo o ano multitude de convocatorias divulgativas, formativas ou sectoriais en colaboración con asociacións como CREA, AGAG ou AAAG.

Consulta aquí toda a información sobre 'Conecta +'