O coruñés Hugo Gómez-Chao Porta gaña o 'Premio Jóvenes Compositores 2018 Fundación SGAE-CNDM' 27/nov/2018

Hugo Gómez-Chao Porta recibe o premio de Teo Cardalda, videpresidente de SGAE en Pequeno Dereito.

A súa obra ‘Límites del negro’ impúxose na final celebrada esta noite no Auditorio 400 do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid

Hugo Gómez-Chao Porta (A Coruña, 1995) é o gañador da XXIX edición do Premio Jóvenes Compositores Fundación SGAE-CNDM 2018, que convocan conxuntamente a Fundación SGAE e o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM). O galego acada o primeiro premio 'Xavier Montsalvatge’, dotado con 6.000 euros en metálico, pola súa obra Límites del negro.

“Gañar este premio é un soño. Trátase do premio máis importante para compositores novos en España, unha forma de dar a coñecer e recoñecer o noso traballo. Recibilo é unha alegría que non esperaba”, expresou o gañador. Sobre Límites del negro, peza coa que conquistou o galardón, Gómez-Chao Porta explica: “Trátase dunha obra sen electrónica que durante 7 minutos traballa materiais moi heteroxéneos e densos, pero que conxenian moi ben”.

Pola súa parte, o compositor José Luis Valdivia Arias (Granada, 1994), acadou o segundo premio ‘Carmelo Alonso Bernaola’, con 3.000 euros, por Gouache. O terceiro galardón (1.500 euros), ‘Francisco Guerrero Marín’, recaeu en Román González Escalera (Miguelturra, Cidade Real, 1987), por Espejismo Volátil. Finalmente, a mención honorífica ‘Juan Crisóstomo Arriaga’ (1.200 euros) foi para Inés Badalo López (Olivenza, Badaxoz, 1989), por Evanescente Latir. Todos eles contan con menos de 35 anos. Ademais, e como en cada edición, a Fundación SGAE edita un disco promocional que reúne as catro obras gañadoras do certame, co obxectivo de contribuír á súa posterior promoción e difusión.

Compositor Residente da Rede de Músicas

Ao primeiro premio súmase tamén a designación de Gómez-Chao Porta como Compositor Residente da Rede de Músicas de Xuventudes Musicais de España durante a temporada 2019-2020. Deste xeito, o coruñés recibirá a encarga de tres obras de música de cámara que serán estreadas e interpretadas dentro do circuíto da Rede de Músicas.

“Ofrecemos ao gañador un premio moi especial; non só lle encargamos compoñer tres obras de cámara, senón que facemos que se interpreten ducias de veces durante toda a temporada. Este é o paso máis complicado para os compositores novos, quen moitas veces estrean as súas obras e non volven interpretarse máis”, expresou Miquel Cuenca, presidente de JM España. “O Premio Jóvenes Compositores é fundamental porque está dirixido ao talento novo. Non debemos esquecer que nestes intres a maioría dos nosos compositores novos están a desenvolver as súas carreira no exterior. Este premio incentiva o desenvolvemento cultural dentro do noso país”, rematou.

O concerto final do Premio Jóvenes Compositores Fundación SGAE-CNDM 2018 celebrouse a pasada noite no Auditorio 400 do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía en Madrid. As catro obras finalistas foron interpretadas polo Ensemble Sonido Extremo baixo a dirección de Jordi Francés. O xurado estivo integrado polos compositores Alicia Díaz de la Fuente, Juan José Eslava Cabanellas, Jacobo Gaspar Grandal, José Miguel Fayos Jordán e Diana Pérez Custodio. Un total de 23 obras foron presentadas a concurso nesta edición de 2018.

Acerca do Premio 'Jóvenes Compositores'

O Premio Jóvenes Compositores foi creado en 1987 para estimular a creación no eido da música clásica contemporánea entre os creadores novos de ata 35 anos, co propósito de contribuír ao desenvolvemento e coñecemento social de novas linguaxes, tendencias e modos de expresión musical.

Entre os gañadores das súas vinte e oito edicións anteriores figuran nomes xa consolidados dentro do panorama da composición actual, con andainas internacionais que constatan a boa saúde da creación musical española: Agustín Charles, Mauricio Sotelo, José María Sánchez-Verdú, Jesús Rueda, Jesús Torres, Pilar Jurado, Gabriel Erkoreka, Ramón Humet, Juan Cruz Guevara, Jesús Navarro, Oliver Rappoport ou Nuria Núñez, entre moitos outros, foron protagonistas desta cita indispensable no apartado da composición para ensemble a nivel estatal.

Acerca do gañador

Hugo Gómez-Chao Porta (A Coruña, 1995)

Estudou o Grao Superior de Composición con David del Puerto Jimeno en Madrid, rematando os seus estudos coas máximas cualificacións. Actualmente cursa na Kunstuniversität de Graz o Máster de composición, sendo alumno de Beat Furrer e Clemens Gadenstätter. Recibiu da Deputación da Coruña a “Bolsa de perfeccionamento artístico” durante os cursos 2017-2018 e 2018-2019. Tomou clases de compositores como Fiedrich Haas, Sergio Luque, Jesús Rueda e Bernhard Lang. Ten estreado obras e recibido encargas grazas a entidades como Fundación SGAE, Asociación de Orquestras Españolas (AEOS), Orquestra Sinfónica de Galicia, Festival de Tres Cantos de Música Contemporánea, La Phármaco, Museo de Belas Artes da Coruña ou Museo Provincial de Pontevedra, entre outras. É un dos membros fundadores do Festival RESIS de Música Contemporánea da Coruña, do que é actualmente director artístico.

Acerca de ‘Límites del negro’

O compositor explica: “Penso sempre en grandes bloques de son en continuo movemento; e, para min, movemento é desenvolvemento. Estes bloques están formados por distintos materiais musicais que evolucionan con procesos diferentes, como liñas independentes que conviven e comparten o espazo; que, se cadra, se relacionan entre si dalgún xeito, se apoian ou, polo contrario, colisionan, impóñense unhas sobre as outras e alí atopan a súa forza, interrómpense, desespéranse e axítanse ata que, finalmente, triunfan sobre o resto o desaparecen. En Límites del negro imaxinei máis intensamente os contrastes entre un bloque e outro; entre un desenvolvemento individual e un proceso xeral. Así, cada bloque está tratado cunha dirección propia, interrompido, como luces máis brillantes que foran aparecendo sobre outras luces, que abrisen novos espazos nos que poder resoar e cobrar fuerza; que se volveran escuras polo peso da súa propia cadencia; pesadas pero lixeiras ao mesmo tempo pola graza do seu ritmo e voaran non obstante ao peso desa cadencia; que se impuxeran e silenciaran todo o demais grazas á forza da súa ira. Plasmar a forza desa ira coa única ferramenta do son”.

Máis información sobre os finalistas