O ferrolán Javier Rivas acada o Premio SGAE Fin de Grao en Historia e Ciencias da Música da Universidade de Oviedo 24/nov/2018
Cóncedese cada ano ao estudante con mellor expediente

O  Premio SGAE Fin de Grao en Historia e Ciencias da Música da Universidade de Oviedo recae este ano en Javier Rivas Rodríguez (Ferrol, 1996), cuxo expediente académico resultou ser o más brillante da súa promoción. A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) recoñece o talento dos musicólogos novos con esta distinción, que comezou a outorgarse en 2004. Dende aquela e ata este intre, un total de 16 alumnos sobresaíntes recibiron este estímulo ao rematar os seus estudos.

Javier Rivas cursou o seu Grao na Universidade de Oviedo e rematouno na Universidade de Helsinki cunha bolsa Erasmus. As súas principais liñas de interese e investigación son “as músicas populares urbanas e a relación entre música e política, con especial atención á identidade musical do cantautor”, afirma. Rivas tamén é Graduado Profesional en Piano e foi bolseiro Galeuropa en Boloña, en cuxo Centro Artístico Musical InSuono realizou prácticas. Completou a súa formación como músico no Conservatorio Profesional de Ferrol, participando en 2014 na II Mesa Redonda de Musicoloxía Xan Viaño. Como escritor, recibiu galardóns literarios de ámbito estatal e internacional. Publicou unha novela ( La espada y la pluma, 2014) e tamén relatos en publicacións colectivas.

Javier Rivas recibirá o Premio SGAE Fin de Grao en Historia e Ciencias da Música no acto que se celebrará este luns, 26 de novembro (12:00 horas), na Biblioteca da Universidade de Oviedo. A SGAE desexa felicitar ao premiado e salientar o alto nivel de preparación dos alumnos de Historia e Ciencias da Música, que garanten un gran porvir no estudo do noso patrimonio musical.