Gerardo Rodríguez, nomeado director xeral da SGAE 21/nov/2018
Continuará asumindo a dirección económico-financeira da entidade

Ana Graciani, nova presidenta da Fundación SGAE

A Xunta Directiva da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) anuncia o nomeamento de Gerardo Rodríguez Velarde (Madrid, 1961) como novo director xeral.  

Con esta decisión, a SGAE consolida a súa confianza nun profesional con longo percorrido na empresa e no sector cultural. Rodríguez Velarde, ademais, seguirá asumindo a dirección económico-financeira da entidade, cargo que ocupaba dende o ano 2017.

Excelente coñecedor do ámbito dos dereitos de autor e da propiedade intelectual, entre 1996 e 2007 formou parte do equipo directivo da Fundación Autor (agora Fundación SGAE) como Director Financeiro e de Recursos Humanos, cargo que desempeñou posteriormente, entre 2007 e 2014, na Asociación de Intérpretes e Executantes (AIE).

Rodríguez Velarde é Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid e Máster en Dirección de Asesoría Fiscal polo Instituto de Empresa (IE) e Máster en Auditoría e Contabilidade Financeira pola Universidade Pontificia de Salamanca.

Os obxectivos que se propuxo o novo director xeral da SGAE son profundar na modernización da entidade para cumprir co seu obxecto social, marcado polo incremento da competencia, os novos hábitos de consumo e unha normativa cada vez máis esixente no sector, e potenciar as actividades da Fundación SGAE.

Ana Graciani, nova presidenta da Fundación SGAE

Así mesmo, Ana Graciani e a nova presidenta da Fundación SGAE, tal e como decidiu o máximo órgano da entidade na súa reunión de onte, martes.

Dramaturga, guionista audiovisual, xornalista e produtora, a autora castelá-manchega afincada en Andalucía é membro da Academia das Artes Escénicas de España e do Comité Organizador dos Premios Max. Graciani convértese así na segunda muller que dirixe a institución, despois de Inés París.

Membro da Xunta Directiva da Asociación Andaluza de Mulleres dos Medios Audiovisuais (AAMMA), a nova presidenta da Fundación SGAE é unha firme defensora da igualdade de xénero no sector cultural.

Ana Graciani traballou como xornalista en prensa, radio e televisión entre 1992 e 2002. Posteriormente, dedicouse á xestión e produción das artes escénicas e dende o ano 2008 a súa actividade profesional céntrase na escrita e a dirección, tanto dramática como audiovisual.

Como dramaturga, conta cunha ampla andaina. Son obras súas La carta perdida (en cartel no Teatro Lara de Madrid dende 2016), La ventana abierta, ¡Quiero ser mayor! e La Boda (I Laboratorio de Escritura Teatral de Fundación SGAE), obras que tamén dirixiu; e El Día del Padre (con máis de 200 representacións en España), dirixida por Gabriel Olivares, e Compadres para siempre, de Alfonso Sánchez. Así mesmo, é autora das adaptacións de Patente de corso, de Arturo Pérez Reverte, dirixida por Alfonso Sánchez; El Enfermo Imaginario, de Molière, dirixida por Gabriel Olivares; e El asesino de la regañá, de Julio Muñoz Gijón, dirixida por Antonio Campos e estreada o pasado mes de maio.

En televisión asinou o guión das películas Ciudadano Villanueva, de Francisco Pinteño; e La soledad del triunfo e La rueda, de Álvaro de Armiñán; e tamén traballou como guionista en series como Perdóname, Señor e Entreolivos. E, no cine, cómpre salientar un dos seus últimos traballos como coguionista de El mundo es suyo, de Alfonso Sánchez e Alberto López, e como guionista de La comedia para toda la muerte, película de Alfonso Sánchez cuxa rodaxe comezará en xaneiro de 2019.