O coruñés Hugo Gómez-Chao, finalista do Premio Compositores Novos 2018 Fundación SGAE-CNDM 21/nov/2018
O certame fallarase o vindeiro luns, 26 de novembro, nun concerto en Madrid

Catro autores menores de 35 anos optan a 11.700 euros en galardóns

A Fundación SGAE e o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) fallarán o vindeiro luns, 26 de novembro, o Premio Compositores Novos Fundación SGAE-CNDM 2018. O galego Hugo Gómez-Chao Porta (A Coruña, 1995) está entre os catro autores que aspiran a galardón e que coñecerán o resultado do certame no Auditorio 400 do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid. O Ensemble Sonido Extremo, baixo a dirección de Jordi Francés, estreará no evento as composicións finalistas. Ao remate do concerto, o fallo será emitido por un xurado integrado polos compositores Alicia Díaz de la Fuente, Juan José Eslava Cabanellas, Jacobo Gaspar Grandal, José Miguel Fayos Jordán e Diana Pérez Custodio. Un total de 23 obras foron presentadas a concurso na presente edición.

Límites del negro, de Hugo Gómez-Chao, participa no Premio Compositores Novos Fundación SGAE-CNDM 2018 con outros tres finalistas: Evanescente latir, de Inés Badalo (Badaxoz, 1989); Espejismo volátil, de Román González Escalera (Cidade Real, 1987); e Gouache, de José Luis Valdivia(Granada, 1994). Desputaranse os galardóns “Xavier Montsalvatge” (primeiro premio, 6.000 €); “Carmelo Alonso Bernaola” (segundo premio, 3.000 €); “Francisco Guerrero Marín” (terceiro premio, 1.500 €) e “Juan Crisóstomo Arriaga” (mención honorífica, 1.200 €). Todos eles acompañados de diploma acreditativo. Ademais, e como en cada edición, a Fundación SGAE editará un disco promocional que reunirá as catro obras, co obxectivo de contribuír á súa posterior promoción e difusión.

Hugo Gómez-Chao Porta (A Coruña, 1995)

Membro fundador do Festival RESIS de Música Contemporánea da Coruña, do cal é director artístico, Gómez-Chao acadou as máximas cualificacións no Grao Superior de Composición, que estudou con David del Puerto Jimeno en Madrid. Foi distinguido pola Deputación da Coruña coa súa bolsa de perfeccionamento artístico durante os cursos 2017-2018 e 2018-2019, e recibiu clases de compositores como Fiedrich Haas, Sergio Luque, Jesús Rueda e Bernhard Lang. Ten estreado obras e recibido encargas grazas a entidades como Fundación SGAE, Asociación de Orquestras Españolas (AEOS), Orquestra Sinfónica de Galicia, Festival de Música Contemporánea de Tres Cantos, La Phármaco, Museo de Belas Artes da Coruña ou Museo Provincial de Pontevedra, entre outras. Actualmente cursa na Kunstuniversität de Graz o Máster de Composición, onde é alumno de Beat Furrer e Clemens Gadenstätter.

Un novo premio especial: Compositor Residente da Rede de Músicas

A estes catro galardóns cómpre sumar o novo “Premio Especial JM España”, que outorgará Xuventudes Musicais de España. Deste xeito, o gañador do Primeiro Premio desta edición converterase en Compositor Residente da Rede de Músicas de JM España durante a temporada 2019-2020. JM España encargaralle tres obras de música de cámara e outorgará 1.000 euros por cada peza. O compositor escollerá tres solistas ou grupos novos dos seleccionados na Rede de Músicas. Estrearanas e interpretaranas en tódolos recitais que dean neste circuíto, que organiza máis de 200 concertos cada ano.

Acerca do Premio Compositores Novos

Este premio foi creado en 1987 para estimular a creación no eido da música clásica contemporánea entre os creadores novos de ata 35 anos, co propósito de contribuír ao desenvolvemento e coñecemento social de novas linguaxes, tendencias e modos de expresión musicais.

Entre os gañadores das súas vinte e oito edicións destacan nomes xa consolidados dentro do panorama da composición actual, con andainas internacionais que amosan a boa saúde da creación musical española: Agustín Charles, Mauricio Sotelo, José María Sánchez-Verdú, Jesús Rueda, Jesús Torres, Pilar Jurado, Gabriel Erkoreka, Ramón Humet, Juan Cruz Guevara, Jesús Navarro, Oliver Rappoport ou Nuria Núñez, entre moitos outros, teñen sido protagonistas desta cita indispensable no apartado da composición para ensemble a nivel estatal.

Máis información