O Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas estrea ‘Malcriada. Unha historia de amor’, de Esther F. Carrodeguas 07/nov/2018
A sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela representa a obra este xoves, 8 de novembro, con entrada gratuíta

A actriz Belén Constenla protagonizará o texto, seleccionado polo Consello Territorial da SGAE en Galicia

A Fundación SGAE celebra o XXII Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas, que se desenvolve durante o mes de novembro en seis cidades españolas: Santiago de Compostela, Xixón, Madrid, Zaragoza, Tenerife e As Palmas de Gran Canaria acollen esta mostra de dramaturxia contemporánea, cuxo obxectivo é incentivar a escrita e lectura de pezas teatrais.

O XXII Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas ofrece en Santiago de Compostela, co impulso do Consello Territorial da SGAE en Galicia, as tres obras elixidas na convocatoria para textos teatrais en galego esta temporada. Trala representación de Os bólidos do esquecemento, de Julio Fernández, a quenda corresponde agora a Malcriada. Unha historia de amor, orixinal de Esther F. Carrodeguas, que se estreará este xoves, 8 de novembro (21:00 horas), con entrada gratuíta á sede da Fundación SGAE na capital galega.

Malcriada. Unha historia de amor é o relato da vida dunha criada a través da súa experiencia con sucesivas señoras e señores. Trátase dun texto inédito de Esther F. Carrodeguas (Rianxo-A Coruña, 1979), polifacética artista e autora que traballa coas letras, o audiovisual e o teatro. Carrodeguas, cuxas obras teñen sido galardoadas co Pedrón de Ouro (2006) ou o Premio Abrente de Textos Teatrais (2015), entre outros, dirixe a dramatización deste novo traballo, que interpretará a actriz Belén Constenla.

A seguinte cita galega co XXII Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas será o 14 de novembro para a representación de Culpable, de José Prieto. Tódalas lecturas son de acceso gratuíto e lévanse a cabo coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

O Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas, que organiza a Fundación SGAE dende 1995, ten a singularidade de reunir a autores, intérpretes, directores, produtores e público, na gran maioría das propostas, arredor dunha experiencia única: a estrea dunha obra nunca antes representada e ensaiada ese mesmo día. Ao longo das súas 21 edicións precedentes, o ciclo ten acollido máis de 250 textos de máis de 200 autores para un público de máis de 25.000 persoas.